Dende a escola primaria, aquela que era fría, triste e autoritaria, escoitaba ó mestre cando dicía que “Franco salvó a España del comunismo y el separatismo” E ,xa se sabe, un de neno dalle moito valor ás palabras do mestre. Andando no tempo chega o uso de razón política e, aínda na ditadura, un empeza a analizar a vida e axiña comprende que, salvo en cuestións de fe, onde non se discute racionalmente, non hai verdades absolutas. E aqueles contos da idade escolar derrúbanse como castelos de naipes, pois a realidade e máis forte cas mentiras e, as verdades a medias escoitadas na nenez, pasan como algo escuro que non valen ren.