O catastro político

Dende a escola primaria, aquela que era fría, triste e autoritaria, escoitaba ó mestre cando dicía que “Franco salvó a España del comunismo y el separatismo” E ,xa se sabe, un de neno dalle moito valor ás palabras do mestre. Andando no tempo chega o uso de razón política e, aínda na ditadura, un empeza a analizar a vida e axiña comprende que, salvo en cuestións de fe, onde non se discute racionalmente, non hai verdades absolutas. E aqueles contos da idade escolar derrúbanse como castelos de naipes, pois a realidade e máis forte cas mentiras e, as verdades a medias escoitadas na nenez, pasan como algo escuro que non valen ren.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 29/09/2012

Comparte esta noticia
Ven esta introdución a conto pois para moitos cidadáns desta España e sobre todo para os da meseta, o catastro político que marca as lindes xeográficas  das nacións e estados, alomenos na península  é inamovible pois o di o conxunto. É algo sacro e está consagrado na Constitución.   E falan da unidade política e espiritual desta patria como algo inamovible e perenne polos séculos dos séculos. E claro, esa forma de pensar está fora do pensamento racional comprobable. Confeso que non son arredista, pero tampouco dogmático e cego. E para iso so fai falla mirar ao entorno europeo. Desta maneira si partimos da Europa dende  Napoleón, ou dende a primeira guerra mundial, ou da segunda e mesmo despois da caída da URSS, veremos que naceron estados, segregáronse outros, mudaron fronteiras e as lindes,  soberanías  e mesmo os nomes  fóronse modificando ate o que hoxe temos.
 
Este comentario ven a conto pois hai quen ve o nacionalismo chamado periférico,  como algo perverso e so da por bo un determinado nacionalismo, neste caso o Español. Os demais son decimonónicos, absurdos,  perniciosos e un sen fin de adxectivos máis. Erro grave e de mentalidade estreita. 
 
Pois as xentes e os pobos inflúense, xúntanse,  comercializan, arrédanse, conviven e ate, tristemente,  teñen conflitos. Pero sempre ao final a política terá que estar ao servizo das persoas que soberanamente deciden. O que  debe quedar claro é que, os conflitos políticos, resólvense falando civilizadamente e negociando. Por iso, o dogmatismo e o fundamentalismo na política ten pouca cabida. Por iso, que ninguén se asuste do que puidera  acontecer nun Estado como o noso que, chegado o momento,  terá que escoitar aos cidadáns para saber que é o que queren. Por iso, que como os cataláns reclaman dereitos que eles consideran necesarios, pois haberá que preguntarlle que é o que queren. España ten que resolver de maneira intelixente a inclusións das nacionalidades chamadas históricas dentro do seu seo. Seguir pospoñendo un problema que ven de vello é un erro. Vascos e Navarros gañaron o dereito foral nas guerras carlistas. Por tal motivo a política debe partir de escoitar  que queren os cidadáns e, poño un exemplo sinxelo:  cando un fillo quere fuxir do entorno familiar, o resto da prole non o pode manter á forza ao seu carón, intentarao, pero se quere fuxir e vivir ao marxe da familia, farao.
 
As milongas que o mestre  contaba naquela escola politizada do franquismo,  non impediron que, co paso do tempo,  a razón e a reflexión me fixeran ver a realidade de maneira distinta. Nestes momentos de crise sería realmente interesante afrontar dende o consenso máis amplo posible  unha segunda transición política  que abranguera a reforma territorial do Estado sen complexos. E que esta resolvera o asunto das nacionalidades que xunto coa española o conforman o conxunto. Pois a ensinanzas que recibimos noutros tempos eran viciadas e trucadas, e o destino dos pobos, aínda que sexan pequenos dítanos as xentes coa súa expresión soberana. Ademais, deixar que os problemas se enroquen, é un erro grave. En fin,o catastro político ten unha dinámica máis lenta co das terras, pero móvese en función de maiorías que se expresan libremente e iso é un feito empírico que non se debe esquecer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com