En poucos días, a pantasma das Caixas de Aforro galegas regresou ao escenario mediático e tamén ao político. A concreción dese retorno tivo dous momentos. Primeiro foi o coñecemento dunha contundente alusión crítica á fusión de Caixagalicia e Caixanova, aparecida nunha recente sentenza da Audiencia Nacional. Posteriormente, transcendeu a decisión tomada polos tres grupos parlamentares da Cámara do Hórreo para reabrir a Comisión de investigación que -debido á deliberada negativa do PP- non foi quen de concluír as súas actividades nas dúas lexislaturas anteriores.