Curtocircuíto acollerá a estrea en Galicia de 'O Corno' e un amplo programa de cinema galego

A película 'O corno' de Jaione Camborda terá a súa estrea galega na sesión inaugural de Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, paso previo ás salas de cinema o 11 de outubro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/08/2023 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O corno, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, terá a súa estrea galega na xornada inaugural de Curtocircuíto o 3 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tras o seu paso pola Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de San Sebastián e polo Festival Internacional de Cinema de Toronto onde será a  primeira película española que compite na sección Platform. A súa estrea nas salas comercias será  o 11 de outubro, da man de Elastica Films.

Fotograma da película 'Ou Corno', de Jaione Camborda. CURTOCIRCUITO
Fotograma da película 'Ou Corno', de Jaione Camborda. CURTOCIRCUITO

O filme (unha coprodución con Bélxica e Portugal liderada por Esnatu Zinema e Miramemira, dúas produtoras con sede en Santiago) fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na Sección Oficial do Festival de San Sebastián, o primeiro de produción galega e tamén a primeira obra dunha cineasta galega ou afincada en Galicia, como é Jaione Camborda (donostiarra que leva máis dunha década asentada en Compostela), que aspira á Concha de Ouro.

Jaione Camborda asistirá á presentación do filme acompañada do  equipo artístico de actrices galegas coa bailarina Janet Novas á cabeza, no seu primeiro traballo en cinema. A presencia da cineasta en Curtocircuíto reitera o interese do festival na súa figura. En 2018 foi a protagonista da sección Terra, foco adicado a novas cineastas galegas, e ao longo dos anos participou na sección Planeta GZ coas pezas Proba de axilidade, Rapa das bestas ou Videogramas #4.

A elección de O corno para inaugurar o festival subliña o interese de Curtocircuíto por xerar un espazo de visibilidade para o cinema realizado en Galicia, aposta que se reflexa nas seccións para ao cinema galego: Planeta Gz, Supernova, a sección Terra, adicada a Arancha Brandón, #OutraCompostela, ademais da homenaxe á Roberto Vidal Bolaño que renderáse na sección paralela Curtocircuíto x Cineclube de Compostela.

PLANETA GZ

No marco dos contidos de cinema galego que se anuncian en primicia, a sección competitiva Planeta GZ revela a potencia creadora que é Galicia. Unha escolma de oito películas que, cun nivel cinematográfico excepcional, combina nomes consolidados como os de Enar de Dios, Helena Girón, Ángel Santos e Xacio Baño cos de Borja Santomé ou Anxos Fazáns, novas cineastas que xa son moito máis que unha promesa.

A selección presenta achegamentos heterodoxos á paisaxe que van dende o drama cercano ó romanticismo do western Ulises de Felix Brisel ata o ensaio cientificista  Ecotone (Enar de Dios) pasando pola experimentación sensorial de Bloom (Helena Girón e Samuel Delgado) ou a poética de Devociones (María Serna e Ángel Montero); filmes arredor da maternidade, o fogar e os conflitos internos (Non te vexo, de Xacio Baño, Habitar de Anxos Fazáns e Ruovesi de Andrea Zapata-Girau, respectivamente); artefactos de psicodelia neurótica como a animación Alguén me chamou Serpe Negra de Borja Santomé; e filmes xeneracionais como Alicia fai cousas, no que Ángel Santos volve afondar nos dilemas da mocidade.

SUPERNOVA

Pola súa banda, SUPERNOVA, a sección que dá cabida a traballos de novas creadoras e creadores emerxentes cun ollar propio e rebosante de identidade, presenta unha selección de nove pezas que transitan diferentes formas e camiños para falar.

Abarcando unha importante amplitude narrativa e sensorial, esta edición recolle os traballos de artistas audiovisuais galegas comprometidas coa nosa heterodoxa cultura cinematográfica. Dende propostas que revisitan vínculos e acontecementos familiares como Noitevella 1999 de Uxía Gayoso, cuestionan e evidencian a crudeza do poder como Tara de Rebeca Tella e Daniel Filloy ou navegan entre a mitoloxía e a maxia da cotidianeidade como en O amor é a auga que corre de Claudia Pineda. Supernova acolle, unha vez máis, as brillantes voces do panorama local máis recente.

TERRA

Na edición 2023, a protagonista da sesión especial Terra será Arancha Brandón, artista visual galega e fotógrafa procedente de A Guarda (1995), un dos novos talentos máis destacados do panorama galego. O seu traballo, que abarca dende o cinema ata a experimentación visual pasando por fashion films e vídeoclips, é testemuña -en forma e contido- das inquedanzas da súa xeración e da súa contorna. No seu estilo plástico, sensualidade e decadencia dán lugar a pezas de gran sutileza, que fan do traballo de Arancha unha singularidade xa recoñecible.

Na súa filosofía de recuperar o patrimonio inmaterial da cidade de Santiago e de Galicia, o Festival retoma a súa colaboración co Cineclube de Santiago de Compostela na sección paralela Curtocircuíto x Cineclube de Compostela, para render tributo á figura do dramaturgo, director de escena e actor Roberto Vidal Bolaño, persoeiro fundamental das rúas de Compostela e axente cultural e social imprescindible da cidade na segunda metade do s.XX.

Principalmente coñecido polo seu traballo vinculado ás artes escénicas, a súa obra esconde unha cara b vecellada ao cinema e, sobre todo, á televisión. Nun contexto de emerxencia audiovisual, ao albor da nacente TVG e outras iniciativas, o creador compostelán desenvolveu unha serie de proxectos visuais pouco coñecidos polo gran público que agora Curtocircuíto e o Cineclube queren poñer en valor. A sesión contará coa presenza de familiares e colaboradores de Vidal Bolaño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta