Por Rubén Pérez | A Coruña | 22/03/2012
As sociedades e asociacións protectoras de animais aproxímanse a un irremediable crac financieiro, provocado principalmente por dous factores: a falta dunha línea de axudas para os refuxios sen ánimo de lucro, e a violación sistemática da normativa vixente que obriga aos concellos galegos a recoller e custodiar aos animais abandonados.
Neste contexto resulta moi complicado para organizacións que teñen uns poucos centos de socias e socios manter unhas instalacións, asumir todo o proceso das adopcións dos animais, recoller cans e gatos, e incluso animais exóticos, abandonados polos desaprensivos e por riba facerlles o traballo a alcaldes que pasan a lei polo arco do triunfo, literalmente.
Esta situación chega grazas a unha Lei de Protección dos Animais, de 1993, e dun decreto promulgado en 1998 que obriga aos municipios a asumir competencias en materia de protección e benestar animal, como a citada enriba, pero que non contempla sanción algunha para os incumpridores. E casos curiosos hainos, e moitos. Lembro como en 2010 a organización da que formo parte, a Asociación Animalista Libera, denunciaba como o Concello de Padrón subsidiaba un festexo taurino e sen embargo non cumpría co mínimo legal de recoller seres vivos abandonados a súa sorte no territorio deste municipio coruñés. O propio alcalde respostou ao Valedor que recoñecían que non dispuñan do servizo porque, literal “non tiñan diñeiro”! Iso sí, para a política do Pan e Circo, isto é, a tourada anual, si que había cartos.
Exemplos deste tipo tamén existen en Muíños, Valga, e así con máis de 280 municipios da comunidade galega.
Que a protección animal non interesa xa o demostra ben o goberno galego, suprimindo dende 2010 calqueira subvención para os refuxios, e non teñen problema en promover canís municipais ou mancomunados onde o animal só sobrevive 20 días, xa que despois dese prazo pódese sacrificar. Tampouco semella haber unha estratexia coordinada para promover e concienciar á cidadanía ou mellor dito, para crear unha verdadeira rede que ille e denuncie aos responsables do abandono, que se aplicamos con rotundidade o Código Penal, pode chegar a ser constitutivo de delito ao ser un maltrato por omisión, unha opinión que comparte a Fiscalía Xeral do Estado.
Por iso o crac das protectoras está moi preto de formar un novo vacío, este xa nin cuberto polas entidades sen ánimo de lucro. Temos que traballar a prol dunha maior consideración da protección dos seres vivos, como noutras comunidades que fornecen e fan partícipes ás ENL das súas decisións, ao revés precisamente do que aquí ten lugar.