Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2019 | Actualizada ás 18:22
A asociación animalista Libera! pediu este luns ao Concello de Padrón (A Coruña) que suspenda a carreira de asnos que organiza o propio consistorio este mércores, día 24 de xullo, para "evitar posibles danos" e "sufrimentos" aos animais.
A ONG mostra as súas dúbidas de que este evento cumpra coas garantías mínimas de seguridade contempladas na Lei de Espectáculos Públicos de Galicia.
Libera! asegura que hai moitas actividades alternativas a realizar no marco do Festival Asnot. "Realizar carreiras con animais non só é lesivo para eles, senón que responde a un criterio caduco de diversión, que explota animais baixo un fin económico, como os premios que se outorgan", censura a asociación, que critica que non se fomente o coidado e o respecto polos mesmos e o medio natural".
Ademais, o colectivo informou de que achegou ao Concello de Padrón un informe apoiado por "máis de 450" profesionais que forman parte Asociación de Veterinarios Abolicionistas da Tauromaquia e dos Malos tratos Animais que detalla os sufrimentos que padecen os équidos.
Segundo indicou, o documento reflicte as "evidencias atopadas tras a análise destas carreiras de burros, como situacións de tensións e medo, sufrimento durante o transporte destes animais ao lugar da competición, así como traumatismos e lesións producidas en convocatorias similares ao longo da xeografía española".
Así mesmo, conclúe que os animais son sometidos a ambientes antinaturais, sufrindo uns malos tratos psíquicos e físicos incompatibles co cumprimento da normativa sobre benestar e protección dos mesmos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.