O fracaso da esquerda en Madrid coase nun 25 de Xullo deslocido pola choiva

Ata nove actos políticos diferentes tiveron lugar nun Día Nacional de Galicia no que se constatou que o "esperpento" da fracasada investidura de Pedro Sánchez en Madrid pode ter serias consecuencias para un cambio de ciclo político en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/07/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Choiva, como non podía ser menos no país dos mil ríos e dos veráns de luces e sombras. E multitude de actos políticos, tantos, que ata bordean o minifundismo político nun país que tamén presume de minifundio e de carácter propio en cada unha das súas leiras partidistas. Así pasou este 25 de Xullo. Un Día Nacional de Galicia no que tamén estivo moi presente un debate de investidura en Madrid que deixou como resultado un fracaso estrepitoso da esquerda. E os fracasos acaban sempre pagandose nas urnas.

Os socialistas galegos homenaxean a Castelao en Rianxo con motivo da celebración do Día de Galicia. PSDEG
Os socialistas galegos homenaxean a Castelao en Rianxo con motivo da celebración do Día de Galicia. PSDEG

Un fracaso que tamén salpica a Galicia porque, cunhas eleccións galegas no horizonte, os partidos da dereita saen reforzados e toda a esquerda moi tocada e coa sensación da cidadanía do fracaso dun pacto que tamén pode chegar ao país galego. Un fracaso que tamén estivo moi presente durante os actos políticos do 25 de Xullo. 

O espectáculo que ofreceron o Partido Socialista e Podemos nas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez e a formación de Goberno no Estado podería frustar un posible cambio en Galicia coa articulación dunha alternativa progresista ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas previstas para o próximo ano”, alertou con contundencia o voceiro de En Marea, Luís Villares.

"Non estamos no debate e por tanto, nada podemos esperar do que pode vir de Madrid... Acabamos de velo no debate de investidura, onde as forzas estatais levaron a Galicia á irrelevancia política", aseverou tamén  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios antes da tradicional manifestación desta formación.

Non foron os únicos en criticar o que acontecía no Congreso dos Deputados en Madrid. Un "esperpento político" en palabras do presidente da Xunta que considera que Unidas Podemos e o PSOE "tomaron de broma aos 47 millóns de cidadáns" de España. Un “esperpento” que tamén lle afecta, de rebote, a Alberto Núñez Feijóo, temeroso de que unha repetición das eleccións xerais acabe afectando ás eleccións galegas.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, nos actos de En Marea con motivo do 25 de xullo
O portavoz de En Marea, Luís Villares, nos actos de En Marea con motivo do 25 de xullo

E o certo é que neste Día da Patria Galega esas próximas eleccións galegas estiveron moi presentes no ambiente, como tamén, as grandes diferencias dunha esquerda e dun nacionalismo que semellan máis alonxados que nunca. Tan alonxados que, de feito, este 25 de Xullo houbo actos políticos de ata nove formacións políticas diferentes, desde o PSOE ata os independentistas de Agora Galiza, pasando por En Marea, BNG, Podemos, Esquerda Unida, Anova, Compromiso por Galicia ou Causa Galiza.

BNG E EN MAREA

E, todos eles, con discursos, estratexias e postas en escena completamente diferentes. Así, o acto máis multitudinario foi a tradicional manifestación do BNG que, este ano, a diferencia doutros e, quizais pola choiva, foi menos numeroso que outros anos. Nel, Ana Pontón puxo ao BNG como exemplo de defensa do país e lembrou que esta formacijón "ten unha sólida base social, máis determinante do que din os resultados electorais". Así mesmo, prometeu que o BNG ha "deixar a pel para que Galicia teña voz en Madrid" e para pasar páxina respecto do "decenio negro dun Feijóo e dun Rajoy que durmiu e apagou o país". 

Pola súa banda, Luís Villares estrenouse como líder dunha En Marea independente, sen as muletillas de Podemos, EU e Anova, e cunha formación escorada ao ecoloxismo e ás demandas de sectores sanitarios, sociais e educativos. Así criticou a falta de entendemento do PSOE e de Unidas Podemos en Madrid e destacou que En Marea “está en plena disposición para sacar adiante unha alternativa de progreso” que desbote o que para el é unha etapa pasada da súa organización. Nesa liña, tendeu a man a BNG, PSdeG e Podemos para “sacar adiante un goberno alternativo a Núñez Feijóo".

PSdeG

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, reivindicou o "compromiso galeguista e socialista" do PSdeG nun día difícil para o seu partido polo fracaso de investidura de Pedro Sánchez. Con todo, o líder dos socialistas galegos insistiu een que o seu partido aspira a construír un "novo rexurdir" para Galicia desde "a igualdade, o feminismo, o compromiso ético e o ecoloxismo".

"O noso galeguismo ten na igualdade do socialismo a principal referencia", abundou Gonzalo Caballero, que defendeu tamén o compromiso coa defensa do medio ambiente e co desenvolvemento sustentable, así como coa "rexeneración e a ética dos cargos públicos".

ANOVA, ESQUERDA UNIDA E PODEMOS

A pesar de que comparten escano na Cámara galega, aínda baixo o paraugas da marca En Marea, pero radicalmente afastada dela, Anova, Esquerda Unida e Podemos tamén decidiron realizar actos por separado neste día 25 de Xullo e visualizar que a súa alianza é puntual e non de facto.

Neste sentido, o voceiro de Anova, Antón Sánchez destacou que é fundamental “poñer por diante os intereses da xente ás das organizacións porque soamente así seremos quen de transformar”. E, a pesar de pactar con forzas estatais, quixo deixar claro que as súas políticas seguen sendo “independentistas”. 

Pola súa banda, a coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), Eva Solla, lembrou este xoves 25 de xullo, Día de Galicia, a "loita da esquerda" por "cambiar as políticas de recortes e de destrución de emprego do bipartidismo". "Estas loitas son as que constrúen o país de esquerda que queremos para desaloxar á dereita", proclamou.

Podemos Galicia celebrou o Día de Galicia cunha homenaxe en Marín á loita feminista pola igualdade e a xustiza social. Baixo a lema 'A Galicia que queremos celebrar é a Galicia feminista', a deputada de Podemos no Parlamento, Julia Torregosa, alertou da "gravísima situación" de desigualdade que padecen as traballadoras galegas.

CxG E INDEPENDENTISTAS

A formación galeguista Compromiso por Galicia (CxG) iniciou o día cunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, en Santiago. Tras un paseo pola capital galega, desprazouse ao parque de Eugenio Granell, onde celebrou un acto político no que participaron membros da dirección do PNV.

Pola súa banda, tamén as dúas grandes forzas independentistas galegas, Causa Galiza e Agora Galiza - Unidade Popular celebraron por separado o Día da Patria Galega destacando a necesidade de loitar por unha Galicia “independente e socialista”.

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, nos actos do 25 de xullo
O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, nos actos do 25 de xullo
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Riuriu

Duas grandes forzas independentestas...

1 Gamela

¿Como é posible que todos chamen á UNIDADE e todos rompan a unidade da esquerda? De seguir por este camiño a dereita vaino ter moi facil nas vindeiras eleccións (tanto no Estado como en Galicia!) Vergoña, cicais se non cobraran un can chegarían a acordos! Que pinta Julia Torregrosa falando cando anunciou que vai renunciar a súa acta de deputada? Esto non hai cristo que o entenda !!!