Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2019 | Actualizada ás 17:48
A deputada galega Pilar Cancela repite nesta lexislatura como responsable do Grupo Socialista na Comisión de Igualdade, mentres que o seu compañeiro de filas e tamén parlamentario pola Coruña Pablo Arangüena estará á fronte da Comisión de Cultura.
Así transcendeu este martes cando se coñeceu que o expresidente do Congreso e tamén exlehendakari, Patxi López, será o novo presidente da Comisión Constitucional do Congreso, o órgano parlamentario de maior rango despois do Pleno, que se constitúe na mesma xornada.
Segundo informaron a Europa Press fontes parlamentarias, en virtude do acordo alcanzado entre PSOE, PP, Ciudadanos e Unidas Podemos, os socialistas van presidir nesta XIII Lexislatura un total de 14 comisións das que funcionarán no Congreso e tres de carácter mixto, das que forman parte deputados e senadores.
Ademais da Constitucional, o partido maioritario estará á fronte da Comisión de Xustiza, onde se situará Beatriz Corredor, quen fora ministra de Vivenda con José Luís Rodríguez Zapatero e agora membro da Comisión Executiva do partido con Pedro Sánchez.
SERGIO GUTIÉRREZ, EXTERIORES
Para presidir a comisión de Asuntos Exteriores, o PSOE vai propor a candidatura do deputado por Toledo Sergio Gutiérrez, que foi eurodeputado durante a anterior lexislatura europea. Gutiérrez é secretario de Organización do PSOE de Castela-A Mancha e, no seu momento, foi secretario xeral de Mocidades Socialistas.
Do seu lado, a deputada por Madrid, Isaura Leal, secretaria de Función Pública da Comisión Executiva Federal e comisionada do Goberno fronte ao Reto Demográfico, será proposta para presidir a Comisión de Política Territorial e Función Pública.
Á fronte da Comisión de Educación e Formación profesional, a previsión é que sexa elixido o secretario xeral do PSOE madrileño, José Manuel Franco, mentres que a galega Pilar Cancela repetirá como máxima responsable da Comisión de Igualdade.
ACTIVISTA FEMINISTA, Á FRONTE DO PACTO CONTRA A VIOLENCIA
Como presidenta de Comisión de seguimento e avaliación do Pacto de Estado Violencia Xénero cando esta se constitúa, previsiblemente xa en setembro, os socialistas promoverán a Beatriz Micaela Carrillo de los Reyes, deputada por Sevilla, activista feminista e fundadora da primeira organización de mulleres xitanas e universitarias.
Para presidir a Comisión de Fomento, designarase ao deputado por Valladolid José Javier Izquierdo Roncero; a de Pacto de Toledo, estará en mans da valenciana Josefa Andrés Barea; á fronte da Comisión de Cultura, será elixido o deputado pola Coruña Pablo Arangüena Fernández e o deputado do PSC Joan Ruiz Carbonell será designado presidente da de Políticas Integrais para a Discapacidade.
Pola súa banda, a deputada por Huesca Begoña Nasarre, presidirá a Comisión do Estatuto do Deputado, e o burgalés Agustín Javier Zamarrón fará o propio na de Peticións.
Ademais, o PSOE presidirá tres comisións mixtas: a que se encarga das relacións co Tribual de Contas, que estará en mans do secretario de Coordinación Territorial da Executiva do PSOE, Santos Cerdán; a Mixta da Unión Europea, que terá á fronte á aragonesa Susana Sumelzo e a de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, onde exercerá Isabel Fernández Gutiérrez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.