Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2019 | Actualizada ás 12:25
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurou este venres que a Xunta promocionará a cultura de Galicia e o Camiño de Santiago no marco do Festival Intercéltico de Lorient (Francia). De feito, o conselleiro ten previsto inaugurar este venres na localidade francesa o pavillón de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient.
"É unha oportunidade única para Galicia", asegurou en declaracións aos medios no marco do acto de entrega da Compostela 200.000 de 2019 en Santiago, para reivindicar que por este festival intercéltico "de referencia no mundo atlántico" pasa "ao redor dun millón de persoas".
Por iso, a Xunta aposta por "demostrar a potencia cultural de Galicia" neste evento, que ofrece "unha oportunidade para promocionar Galicia e o Camiño de Santiago", abundou Rodríguez.
Así, o titular de Cultura e Turismo da Xunta incidiu en que este festival ofrece unha oportunidade de "promoción e proxección cultural". Ademais, ao situarse a "algo menos de 2.000 quilómetros de Santiago" aproveitarán para a "promoción do Ano Santo nun territorio como é o mundo atlántico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.