Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2019 | Actualizada ás 12:55
A Misión Biolóxica-CSIC, en colaboración coa institución francesa INRA-Montpellier, analizou o ADN de catro variedades de vide conservadas no herbario máis antigo do mundo, o de San Simón de Rojas Clemente en Madrid.
O equipo, dirixido pola responsable do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, María del Carmen Martínez, está a estudar catro follas conservadas desde hai 217 anos. Desta forma "ábrense novas vías para coñecer a orixe de variedades de vide autóctonas e históricas", indican desde o CSIC.
O estudo está enfocado na historia da viticultura e na influencia da chegada a España e ao resto de Europa de enfermidades da vide descoñecidas no seu momento e que modificaron o cultivo nas rexións vitícolas.
Os resultados obtidos contan co aval das publicacións 'American Journal of Enology and Viticulture' e 'ARBOR Ciencia, Pensamiento y Cultura', onde se poden atopar artigos científicos inspirados nos descubrimentos do equipo de Carmen Martínez.
Desde o CSIC quixeron destacar a importancia do herbario de Simón de Rojas Clemente, preservado no Real Xardín Botánico de Madrid, como lugar onde se iniciou o estudo do AND da vide.
"Practicamente todos os parámetros que se estableceron nos métodos de Simón de Rojas Clemente continúan utilizándose na actualidade", indicou a científica galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.