Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 14:09
Axentes da Policía Autonómica, xunto con facultativos ambientais, esclareceron a autoría dun incendio forestal en Pontevedra causado por unha neglixencia no lanzamento de foguetes de artificio.
Segundo informou a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado, os policías do Grupo de Investigación de Incendios da Xefatura de Pontevedra, en colaboración con axentes facultativos ambientais, procederon a tomar declaración como investigado a un home como presunto autor dun lume forestal ocorrido o 2 de agosto na parroquia de Canicouva.
O incendio, que afectou a unha superficie de 0,1 hectáreas de monte arboledo, foi provocado, indican as mesmas fontes, "por unha neglixencia durante o lanzamento de foguetes de artificio" ao "non comprobar que había lume nos dispositivos pirotécnicos disparados", concreta a Xunta.
As dilixencias instruídas en relación con este incendio forestal foron remitidas ao xulgado de garda de Pontevedra, sinalou a Vicepresidencia da Xunta. No que vai de ano, 59 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.