Por Rubén Pérez | A Coruña | 24/04/2012
Stéphane Frédéric Hessel, 94 anos, sobrevivinte a dous campos de concentración nazis, diplomático, escritor, e unha onda de vida comprometida para todos e todas os cidadáns. Con este pequeno parágrafo comezo unha chamada ao compromiso pola abolición das touradas no territorio galego.
A indignación sempre debe formar parte da nosa vida, do noso día a día, pois é a base para que as futuras actuacións fronte as inxustizas teñan algún senso. Pero a indignación ten que dar paso obrigado ao compromiso. Hai moitos indignados de sofá, aqueles que critican as cousas e que tampouco aportan nen tempo nen ganas ás múltiples problemáticas que asolagan ao mundo. Por iso é necesario o compromiso, un cambio de mentalidade cara unha actitude proactiva e de mudanza do noso entorno.
As touradas son un dos grandes anacronismos do noso século, aínda que en realidade quedaran desfasadas xa durante a Ilustración, como ben demostran os países do entorno de España e a abolición desta “festa nacional” nas antigas colonias portuguesas como Mozambique e máis Angola.
Experiencia demostrable na meirande parte de Europa, onde a tauromaquia desapareceu por acción de gobernos e sociedades realmente civilizadas, desterrando prácticas realmente cruentas, onde a mutilación dun animal moribundo é un premio e motivo de honra para o toureiro. Porque tamén sabemos que esta pseudoindustria percibe centos de miles de euros en concepto de subsidios de diferentes administracións para pervivir. Todos coñecemos as subvencións na Coruña, en Pontevedra, en Padrón, en Valga, Muíños… e o interese especial dos seus gobernantes por manter, sempre de xeito artificial unha tradición sanguinolenta.
Cando din que hai afición taurina en Pontevedra non se pode máis que escapar un sorriso, unha afición que ten catro ou cinco días de actividade? Non, señores, non se chama afición, chámase luxo pagado por todos e todas, os nosos petos financian a vosa afición ao sangue brotando dun herbívoro.
Por iso o compromiso é o próximo camiño, somos a meirande maioría da poboación galega, só o 86%, así que o paso seguinte é amosar esa indignación comprometida aos gobernantes que todavía seguen permitindo estas atrocidades. En Padrón temos unha oportunidade, pero tamén noutras vilas. Non é certo que a tradición sexa a base para manter unha “cafrada” de tamañas características, nen que isto sexa a panacea da liberdade. Porque a tradición só é a reiteración dun determinado acto e iso non demostra por si só o concepto de liberdade, malinterpretado de xeito continuo por quen fan demagoxia coa tortura dun ser vivo. O compromiso determinará o tempo que lle queda aos amigos deste martirio cultural de desfrutar a súa “festa”.