A xerencia de Santiago garante que "todos os profesionais sanitarios" de paliativos prestarán servizo en Conxo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2019 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A xerencia de xestión integrada compostelá garante que "todos os profesionais sanitarios" vinculados á Unidade de Paliativos (UPAL) "pasarán a prestar os seus servizos na nova Unidade de Conxo". Así o manifestou a xerencia sanitaria de Santiago despois de que a comisión de centro denunciase este xoves que a recolocación de Paliativos provocará afectación no persoal e "peche de camas".

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Para a xerencia compostelá a nova unidade, que "será máis ampla, confortable e avanzada", enmárcase na estratexia de atención ao paciente crónico e pluripatolóxico e de humanización "na que está inmersa" esta área.

Cun investimento duns 100.000 euros e un espazo de 920 metros cadrados, a nova UPAL achegará, destaca a xerencia sanitaria, "maior confortabilidade tanto aos enfermos como ás súas familias".

En concreto, puntualizou que contará con 17 habitacións individuais e dúas máis que "se poderían facer dobres en caso de necesidade", ademais de dúas salas de confort para as familias, nas que nunha delas se instalou unha cociña. "En total serán 21 camas", abundaron as mesmas fontes fronte ás críticas dos sindicatos.

"Trátase dun paso máis na reorganización de espazos e servizos nos que está inmersa a xerencia de Santiago que contempla que a alta especialización se concentre no Hospital Clínico e os enfermos crónicos estean no Hospital de Conxo, subliñou.

En canto ás críticas sobre o informe de avaliación de riscos, a xerencia compostelá aclarou que estes documentos de análises dos riscos laborais dos distintos espazos "adoitan executarse unha vez está a traballarse no mesmo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta