O ERE do Santander e o adeus definitivo a un banco galego, o Pastor

O Banco Pastor, unha entidade case que emblemática para Galicia, desapareceu logo da absorción do seu dono, Banco Popular, polo Santander. A entidade de Ana Botín di que, día de hoxe, o ERE que se aplica afecta a todo o persoal. Pero traballadores galegos aseguran que non é certo e que os máis prexudicados son os do antigo Pastor. Esta é a crónica dos efectos laborais que ten a desaparición dunha das entidades bancarias que foi referente en Galicia.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O ERE que o Banco Santander está aplicando sobre os traballadores e traballadoras do antigo Banco Pastor deixou pechadas xa 176 oficinas en Galicia. As diferenzas entre forzas sindicais sobre este procedemento de regulación de emprego, mostrouse na sinatura do mesmo coa empresa. Dunha banda os asinantes, CC OO, UGT, Sindicato de Trabajadores del Santander e FITC. Doutra parte están a CGT, CIG e ELA-LAB.

Ana Botín, presidenta do Banco Santander
Ana Botín, presidenta do Banco Santander

As cifras sobre persoas despedidas baixo o ERE son aproximadas, segundo fontes sindicais serían arredor das 1.018 persoas que estarían agora sen emprego a 15 de setembro, incluíndo as persoas que saíron  no mes de xullo. As cifras sobre Galicia son estimativas polo de agora e poden afectar a máis de 200 traballadores e traballadoras.

UN ERE POR CATEGORÍAS

Segundo as categorías laborais dentro do Banco, así foron aplicando o ERE, en xullo ao persoal de estruturas intermedias. O día 15 de novembro está aberto o período para persoa de oficinas. É período aberto porque existe dentro do ERE un elemento de voluntariedade para que o traballador e traballadora asine para deixar a entidade bancaria. Ata esa data non se terán os datos sobre persoas afectadas. “O doce de setembro creo que foi, reuniuse a comisión de seguemento do ERE e os datos facilitados polo banco falaban xa de 1.018 persoas fóra da entidade” di Rosa Conde de CIG Banca. Ademais, outras 900 persoas xa tiñan asinadas as súas saídas mais non se fan efectivas para que sexa todo ordenado con saídas programadas para setembro ou outubro.

Pola súa parte, o peche de oficinas está previsto que finalice o 22 de novembro, seguindo o calendario de peches e renuncias de persoal. Ditas oficinas eran maioritariamente do antigo Banco Pastor, comprado primeiro por Banco Popular, máis tarde absorbido polo Santander.

Banco Santander
Banco Santander

Postos en contacto co Santander e preguntados sobre o número de traballadores e traballadoras afectadas polo ERE, a resposta é que se “acordou cos representantes dos traballadores que o proceso de integración supoña un axuste de persoal de 3.223 persoas”.

Este expediente afecta a todos os chanzos do persoal. O banco sinalou unha serie de colectivos con diferentes condicións dentro do ERE. Un colectivo é o de 62 anos ou máis, que terá unha indemnización dun ano de salario. O seguinte son os de 59 anos ou máis. A eles o banco pagará o 80% do salario ata ese momento. Os e as traballadoras de 58 anos teñen unha porcentaxe inferior de salario. Os de 55 anos e máis a porcentaxe de salario que reciben é dun 75%. Quen estea entre os 50 e 54 anos recibirá o 60% de seis anualidades, “estas persoas teñen condicións inferiores ás das persoas que saíron co ERE de 2017” sinalan fontes sindicais. Daquela este grupo de persoas levaba o 80% de salario. A estes cinco colectivos aféctalles o Convenio Especial da Seguridade Social.

Os menores de 50 levan unha indemnización de 40 días de salario por ano traballado cun tope de 24 mensualidades. Existen tamén primas de voluntariedade que incrementan a indemnización mais están suxeitas a fiscalidade. Con todo, Conde sinala que “á xente que non quere marchar é contactada polo banco para presionar e se acollan a esas medidas, é como se o Santander estivese tirando dunha lista de nomes previamente elaborada”.

POR QUE O ERE?

O motivo do ERE, segundo o que transmitiu a entidade presidida por Ana Botín, era “a duplicidade de rede, de estruturas en servizos centrais, por motivos de eficiencia” di Rosa Conde. Antigos empregados consultados por Galicia Confidencial, din que a presión para que a xente acceda asinar as condicións é maior sobre quen traballou en oficinas de Banco Pastor e Banco Popular.

Desde o Banco Santander responden primeiramente que “o acordo cos sindicatos para a reestruturación no volume de emprego en Santander España asinouse o pasado 17 de xuño”. A reestruturación sería  configurar un marco para  “as medidas de eficiencia que se están levando a cabo como consecuencia do procedemento de integración, unificación e racionalización das redes comerciais e estruturas intermedias de apoio ás mesmas entre o Banco Santander e o Banco Popular, unha vez producida a absorción deste último polo primeiro”.

“A min trasladáronme dunha oficina que pechaba a outra que segue coa actividade” di Mayte. “O ERE, en teoría é voluntario, a xente ten opción de asinar ou non, mais na primeira reunión co banco xa dixeron que afectaría a un 60% de maiores de 50 anos e a un 40% de menores de 30, onde está a voluntariedade?”

“Hai xente nova que aceptou as condicións do ERE e deixou ou traballo” di unha traballadora. O motivo é que o ambiente interno do traballo en banca non vai a ningunha parte. Non lle ven futuro, apuntan que son substituidos por outros colectivos como as de ETT, ou están en call-center. “Temos asumido que non imos xubilarnos en banca”. “Cando lle dis ao banco que non podes máis con horarios de doce horas, prescinde de ti”.

Existen casos paradoxais como persoas de 49 anos que non queren marchar e xente de 50 que si quere, “e o banco bota ao de 49, por que?, porque ao de 50 hai un convenio regulador polo que o banco lle ten que pagar ata os 63, ao de 49 non” sinalan antigos traballadores. “O colectivo que máis chaman é menores de cincuenta e moitas mulleres e homes con redución de xornada” din fontes próximas aos traballadores, que sinalan “en Galicia é incrible, porque estamos vendo que maioritariamente eses menores de 50 non voluntarios, son case todos do Pastor ou do Popular”. A versión do Banco Santander, non obstante, sinala que a maioría dos afectados son desa entidade.

Sobre o futuro laboral das persoas que están por debaixo dos 50 anos, preguntóuse ao Santander se existen plans de formación para reintegrar ese persoal no mundo laboral. “As condicións acordadas están entre as mellores que se ofreceron no sector financeiro español. No marco do acordo asinado cos representantes dos traballadores, o Banco pon ao dispor dos empregados afectados polas medidas de eficiencia un completo plan de apoio á  recolocación, de forma gratuíta para os empregados”.

Outros testemuños que recolleu Galicia Confidencial de antigos empregados, apuntan un número moi importante de persoas menores de 45 anos que deixan o banco. “É certo que os sindicatos asinantes do ERE, introduciron a opción de rexeitar a voluntariedade, todo apunta a que aplican pola forza ese expediente”. “Estanos a chamar para facer unha entrevista onde lles explican as “bondades” de acollerse á voluntariedade”.

Concentración para denunciar 'presións' a traballadores do Banco Santander polo ERE e o posible despedimento de 41 empregados máis. Ante a oficina central no Cantón na Coruña.. CIG
Concentración para denunciar 'presións' a traballadores do Banco Santander polo ERE e o posible despedimento de 41 empregados máis. Ante a oficina central no Cantón na Coruña.. CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Botín Omeu Debaixodocolchón

Banco con cartos dos galegos ou de quen quera metelos nesas empresas de usura, cuio único deus é o diñeiro.

1 Gamela

Os sindicatos aínda non foron quén de explicar como foi posible que as accións do Banco Pastor depositadas Á PERPETUIDADE na Fundación Barrié de la Maza... fosen enaxenadas (vendidas) na fusión do Pastor co Popular ??? Daqueles polvos estes lodos! O sobriño da Condesa de FENOSA debe saber a resposta á miña pregunta, pero non teño o seu teléfono para preguntarllo... Igual GC podería tentar aclarar este confuso asunto (?)