E non carente de riscos como todo novo proxecto. Por iso, sería bo manter presentes as condicións necesarias, inda que non suficientes, para dotar á nova formación das maiores garantías de éxito.
A primeira condición sería precisamente concordar sobre o que habería considerarse un éxito, isto é, nos obxectivos. Velaí o alicerce do edificio enteiro. Que se pretende realmente: constituír unha organización capaz de callar entre a sociedade galega e virar en alternativa de goberno ou ben volver repetir voluntaristas exercicios pirotécnicos? Se o obxectivo é acadar o goberno, Compromiso x Galicia ha de partir do sentimento político actual do País. Debe fincar a súa raíz na predisposición da cidadanía e non nas aspiracións fracasadas de determinadas correntes ideolóxicas.
Segunda, eficacia. Resulta ben complicado artellar toda unha Organización dun xeito funcional e pragmático nun espazo curto de tempo. Por tal motivo os tradicionais métodos de xestión serían bos compañeiros de traballo: definir obxectivos, prazos, responsabilidades e fitos periódicos de posta en común.
Comunicación, outro dos elementos esenciais. Escoller con especial coidado e intelixencia as 4 ou 5 mensaxes principais a trasladar incansablemente á sociedade, dun xeito cohesionado, consistente, persistente e, incluso, pertinaz. Son esas mensaxes nas que compilar a proposta e modelo da nova formación así como á súa visión crítica sobre o momento político actual.
E ante a falta de medios, imaxinación. Quizais non sería unha tolería dedicar unha parte relevante dos recursos dispoñibles a crear o xornal das eleccións, un periódico de distribución ampla e gratuíta que tire cinco ou seis números durante os meses previos ás eleccións, dende a óptica de Compromiso x Galicia e poñendo a nova formación en termos de similar presenza a PP, PSdeG e BNG.
Liderado ha ser outra calidade fundamental. O nivel de coñecemento de Teresa Táboas entre a cidadanía resulta hoxe en día claramente insuficiente. Eis a urxencia de multiplicar a súa presenza, de divulgar a súa imaxe cordial, a súa mensaxe sutil, a súa conciencia crítica, o seu pensamento fondo. Canto antes.
Para finalizar, tan so quedaría engadir as tamén imprescindibles doses de xenerosidade e visión de País por parte de todos. A oportunidade está servida.