Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2019 | Actualizada ás 12:29
Sindicatos atribúen á "falta de recursos e medios" que unha ambulancia tardase 46 minutos desde que se recibiu a chamada no 061 ata que deu asistencia a un home que finalmente faleceu no campo da festa do Sisto, en Dozón (Pontevedra).
En declaracións a Europa Press, a responsable de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, incidiu en que para "un concello inmenso" como Dozón ter "dúas ambulancias", que cobren este e outros municipios, "parece ridículo".
"Dúas ambulancias coa extensión dos concellos e as estradas, que non son autovías, parece unha falta de recursos evidente", sostivo, para abundar en que hai "un déficit importante de ambulancias medicalizadas".
Tras sinalar que en Santiago se "sitúa o hospital de referencia" desa zona, que "está a máis dunha hora de distancia", matizou, hai que "ter en consideración a distancia". "Na planificación sanitaria deberían ter en conta isto", sentenciou Abuín.
Nesta liña, por parte de CSIF Daniel Otero considerou, en declaracións a Europa Press, que poderían evitarse casos como este "se houbese máis ambulancias". Por iso, apostou por "cubrir con máis persoal e máis ambulancias dispoñibles", debido ás distancias que percorren en emerxencias en concellos rurais.
"FATALIDADE"
Tamén o responsable de ambulancias de UGT, Óscar Vázquez, apostou, en declaracións a Europa Press, por "ampliar medios" e "ter máis dispoñibilidade de vehículos" para tratar de evitar casos como o de Dozón, que cualificou de "fatalidade".
"A culpa non é da ambulancia", insistiu para subliñar que o sucedido en Dozón obedece "á falta de medios". "Cando as ambulancias das zonas rurais están ocupadas, estas (áreas) quedan mal atendidas, á vontade de que unha empresa privada poida mandar unha concertada", manifestou este representante sindical de UGT.
Por todo iso, por parte da CIG-Saúde reclaman que "se recupere" o "estudo de dotación" realizado hai uns anos co goberno bipartito na Xunta co fin de "falar" dos recursos "necesarios". "Só teñen moito interese de dotar Sanxenxo cando viñan certas persoas", criticou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.