Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 14:28
O líder de Anova, Antón Sánchez, e o exalcalde de Santiago Martiño Noriega participarán este sábado, día 26 de outubro, en Barcelona na manifestación convocada por diferentes axentes do independentismo contra a sentenza do Tribunal Supremo (TS).
"Estamos ante un episodio máis da represión que se vive nestes momentos en Cataluña, onde usan a coartada dun problema de orde pública para ocultar o conflito político, que só se poderá solucionar desde o diálogo democrático e o respecto da vontade do pobo", sinala Anova nun comunicado remitido aos medios.
Segundo indica a formación, Antón Sánchez e Martiño Noriega aproveitarán a súa estancia en Barcelona para compartir análise e valoracións políticas con outras entidades da esquerda e o republicanismo e independentismo catalán.
"Trátase de establecer un diagnóstico da situación e ver en que medida se pode reverter este ataque constante aos dereitos políticos e ás liberdades civís do Estado español", engade a formación nada baixo o impulso do histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras.
"COOPERACIÓN" ENTRE FORZAS
Neste sentido, Anova considera que "a cooperación das diferentes esquerdas, tanto federais como soberanistas, é un obxectivo a alcanzar neste momento no que se endurece e practica unha saída autoritaria á crise do Réxime do 78". "Esa colaboración ten que atravesar as dinámicas de mobilización e de empoderamento popular, para facer fronte ao auxe do autoritarismo e ao rearmamento da ultradereita", apunta.
"Coa nosa presenza en Barcelona queremos reafirmar o noso compromiso coa Cataluña republicana, co necesario diálogo democrático para a resolución deste conflito e coa defensa do dereito da autodeterminación", subliña Anova, que destaca a súa "firme posición a favor da liberdade dos presos políticos e a volta a casa daqueles dirixentes que tiveron que exiliarse".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.