O alumnado recoñece copiar textos sen citar nos seus traballos e xustifícao por falta de tempo

"O que menos fai é entregar como propio" un texto descargado de Internet "sen modificalo", recolle o estudo 'O plaxio no Sistema Universitario de Galicia'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

Un estudo sobre o plaxio no sistema universitario galego constatou que parte do alumnado de grao e de máster recoñece copiar textos e fragmentos sen citar adecuadamente as fontes orixinais á hora de realizar os seus traballos. Unhas accións que xustifican por "falta de tempo" ou "sobrecarga" de tarefas no día a día e por tratarse, a condición de que non se trate dunha "copia total".

Este documento foi elaborado a partir de 8.943 entrevistas a estudantes, dunha media de 21 anos, e foi abordado no II Conferencia Interuniversitaria 'O plaxio no Sistema Universitario de Galicia', que se celebrou este venres na Coruña, coa presenza da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar.

Os estudantes admiten incorporar fragmentos aos seus traballos sen citar a fonte de maneira correcta, pero "o que menos fai é entregar como propio" un texto descargado de Internet "sen modificalo". No caso de máster o resultado é similar, tamén na autopercepción destas prácticas, no sentido de que non se recoñecen a eles mesmos na realización de prácticas de plaxio.

O estudo tamén pon de manifesto que o alumnado conta con directrices previas dos docentes para realizar estes traballos e atención individualizada en relación á citación de fontes e ao proceso de escritura, unhas ferramentas que valoran "positivamente".

TAREFA "IMPORTANTE"

Carmen Pomar incidiu na necesidade de que as universidades colaboren na prevención e detección destas prácticas, o que "vai redundar na mellora da calidade e do impacto da produción científica" e na "competitividade" das institucións académicas "como axentes de desenvolvemento económico e social".

"Disto depende non só a consideración dos traballos realizados, senón tamén, en último termo, o prestixio académico de cada institución por separado", sinalou.

É por iso que as tres institucións "están chamadas a desenvolver unha importante tarefa en beneficio da sociedade", tanto como "transmisoras de coñecemento, formadoras de xeracións futuras e, tamén, xeradoras de investigación e innovación".

Biblioteca história da UV. UV
Biblioteca história da UV. UV | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta