A recuperación do lobo: unha visión da historia para coñecer a súa importancia económica, social e ambiental

Os ambientalistas cren que a extinción total do lobo pode provocar danos irreversibles no hábitat. Un deles a proliferación de animais salvaxes que podan transmitir enfermidades ao gando. Este animal foi un elemento importante na historia de Galicia e a restauración de antigos foxos de lobo en Galicia demostra que arredor del se tecían lazos que fortalecían a comunidade agraria.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A humanidade viu sempre o lobo como un dos seus principais inimigos, ben porque fose o animal salvaxe máis temido por pastores e agricultores, ben porque dentro do colectivo humano quedara para sempre esa imaxe “demoníaca”. Así, durante séculos foise tecendo unha “cultura do lobo” que abrangue desde mitos, lendas, supersticións, ritos, acusacións de “besta do demo”, ademais de térense creado todo tipo de instrumentos para a súa persecución e eliminación.

Lobo ibérico
Lobo ibérico | Fonte: Wikipedia

Un exemplo disto último son os foxos de lobos, construcións para atrapar a este animal meténdoo nunha trampa de onde non podería saír. Alí, sería sacado, a ser posible vivo, para o seu escarnio e logo sacrificio. Recentemente en Viana do Bolo restaurouse un destes foxos que, como curiosidade, é un dos tres únicos foxos en forma de “aspa” ou cruz en todo o mundo, na provincia de Ourense, segundo o arqueólogo David Pérez.

A COMPETENCIA POLO ESPAZO

A clásica pirámide sobre os distintos seres vivos e a súa posición na cadea alimenticia, colocaba ao ser humano na cimeira da mesma. Debaixo, a uns pasos podería dicirse, estaban os grandes depredadores, osos e lobos, sobre todo. Durante milenios, humanos e grandes depredadores competiron polo espazo vital. “Alí onde o ser humano recoñecía un grande depredador e o seu modo de vida era a gandería e agricultura, a relación será moi especial” describe o biólogo Xavier Vázquez Pumariño.

“No hemisferio norte esa relación especial é co lobo, secundariamente co oso, mais en Europa, Asia e Norte América, teñen unha relación especial con este animal” sinala Vázquez Pumariño. Esa cultura era ambivalente, por unha parte medo e por outra un certo respecto. Mais isto non impediu que a partires da Revolución Industrial, e sobre todo coa chegada das armas de fogo e o uso de veleno, o ámbito de actuación do lobo fose reducíndose cada vez máis. En Galicia, o mesmo que o resto do Estado, foi desde a década de 1960 e 1970 cando tanto o número de lobos como o seu hábitat, foron reducíndose.

Foxo do Lobo, Viana do Bolo
Foxo do Lobo, Viana do Bolo | Fonte: David Pérez

Os programas de restauración do lobo, así como a súa posta en valor como elemento necesario no equilibrio dun hábitat, levaron en paralelo ao que Vázquez Pumariño denomina “contos” como o que se soltaban lobos previamente criados en catividade. “É un clásico, calquera persoa que viva no rural, en calquera lugar do Estado, sempre dirá que son as autoridades quen soltan lobos”.

En relación a esta recuperación de lobos, apareceron denuncias de ataques destes animais a gando en semiliberdade ou a pezas de gandería extensiva. “En Reino Unido extinguiron os lobos xa na Idade Media, e a día de hoxe teñen perdas económicas en ovellas e años de máis dun millón de libras por ataques cada ano de cánidos” di Vázquez. Dentro da Europa continental e máis en España, a maioría dos ataques son atribuídos ao lobo, metres que non se fala dos cans asilvestrados ou xa salvaxes. “Para saír de dúbidas podería facerse unha análise xenética para saber que animal atacou a cabeza de gando”.

A desaparición do lobo traería unha serie de consencuencias. Estes depredadores modelan as comunidades de herbívoros, pois estes vivirían dentro de zonas onde entenden que estarán seguros. Ao mesmo tempo estes animais modelan a paisaxe, con que, se se suprime o lobo aumentan as poboacións de herbívoros e isto modifica totalmente o ecosistema. “Tamén algunhas doenzas do gando, como a tuberculose das vacas, no Reino Unido teñen problemas con esta enfermidade nas vacas” di Vázquez, os transmisores serían os teixugos, que non teñen depredadores a primeira vista. “Os depredadores como o lobo cazan presas con máis problemas, máis lentas ou enfermas, como neste caso a tuberculose”. Esta acción do lobo limitaría o número de vacas afectadas.

CULTURA DO LOBO?

Davide Pérez, arqueólogo que participou na restauración do Foxo do Lobo en Viana do Bolo, destaca que “a maioría dos foxos en toda a Península Ibérica son de tipo converxente, dous muros, ou currais, redondos”. O conxunto restaurado en Viana ten como característica que “é de cruz, as paredes forman catro paredes converxentes nun burato, como este foxo só hai tres”. As dimensións tamén eran destacables, dous metros de altura por cen de longo para os muros e tres metros de fondo.

A colocación deste sistema para capturar lobos fíxose nun chao alto entre dous montes, “un paso natural para o gando, as persoas e o lobo”. Esta construción ten as súas orixes na Idade Media segundo Davide Pérez.

Construcións coma esta indican a existencia dunha “cultura do lobo”, non só por estes foxos, senón pola pegada inmaterial transmitida en contos e lendas, así como ditos e toponimia. “Documentos medievais recollen que os sábados eran obrigadas as batidas agás en Pentecostés, así como manter en bo estado o foxo” sinala Pérez. O inicio destas construcións segundo recolleu o arqueólogo foi sobre o século VI e o seu uso activo perdurou ata o século XVIII. A partir do século XIX co uso de armas de fogo e a especialización de “monteiros” para a caza do lobo deixan de usarse definitivamente.

COMUNIDADE ARREDOR DO LOBO

A persecución do animal estaba mesmo “bendita” pola Igrexa por aliñar o lobo co mal. Esta idea transmitida desde os púlpitos reforzaba as ordes ou mandatos dos señores feudais. Tal como se fose un servizo “militar” obrigatorio, cada casa debía aportar polo menos unha persoa para a batida. “Podían ir 300 ou 400 persoas en cada batida, todos guiados polo monteiro maior nomeado polo señor feudal, as “voces” persoas que observaban o terreo desde sitios altos para indicar por onde ía o animal” explica Davide Pérez.

“Cando se vía o animal, tocábanse as campás ou facíase lume nun alto para avisar da súa presenza aos veciños, así o monteiro maior ía dirixindo o grupo mentres batían no chan e na maleza con todo tipo de ferramentas” sinala Pérez. En pasos estratéxicos colocábanse máis persoas para que non fuxise.

Cando o lobo caía no foxo, a xente procuraba sacalo vivo. “Así paseábano e aldraxábano, logo había o chamado “paseo do lobo”, a xente ía dando presentes e para facer unha grande festa como remate da montería” describe Pérez. “Ao lobo podían romperlle as patas para botalo aos cans, era unha cousa máis de humillación”. 

En total, os foxos de lobo en cruz son os de Viana do Bolo, Bande e outro en Vilariño de Conso. Os dous primeiros están restaurados, o de Bande a medias aínda que o ano que vén realizaranse máis obras de restauración, mentres que no de Vilariño aínda non se actuou. A actuación de Viana leva consigo unha posta en valor do monte mediante a recuperación do patrimonio.

En conclusión, o lobo foi un competidor do ser humano que o perseguiu ata case a súa extinción. Esta loita contra a “besta” fixo nacer unha serie de ritos e colaboracións entre veciños e veciñas que así, tamén fortalecían os lazos comunitarios. A día de hoxe, a extinción total do lobo podería supor a proliferación de especies que, se se dá o caso, poderían mesmo transmitir doenzas ao gando.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta