Oposicións a veterinario na Xunta, as orixes dun atranco que non acaba

Os veterinarios consideran moi complicado o seu acceso á función pública debido a problemas que veñen de hai case vinte anos. Unha consecuencia é que aínda non se resolveron cuestións laborais e de consolidación de prazas desde entón. Por outra parte, resolucións e contraresolucións xudiciais foron creando un ambiente de suspicacia entre este colectivo profesional.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As oposicións ao corpo de veterinarios da Xunta de Galicia son das probas que máis tempo tardan en anunciar convocatorias. As  primeiras foron en 1993, as segundas en 2005 e as últimas son do 2018, das que se anunciou como definitivo o baremo de puntuacións para estas probas. Entre unhas probas e outras pasaron doce e trece anos respectivamente. Segundo os estándares de convocatorias son períodos longos de abondo para resolver a incorporación de persoal funcionario mediante probas de libre acceso, concurso-oposición ou consolidación mediante vía laboral.

Exames de oposicións en Silleda
Exames de oposicións en Silleda | Fonte: actualidad.es

UN PROCESO SEMPRE POLÉMICO

O último proceso aberto comezouse a redactar en 2017 e non foi ata o pasado 18 de outubro, cando se deron por definitivos os resultados. Dous anos que tampouco se libraron de polémicas, con cambios dentro dos tribunais avaliadores, solicitude de cambio para os borradores das probas e división sindical na mesa de negociación coa Xunta para aprobar a celebración das oposicións. Aínda así, xa se está traballando no borrador do seguinte proceso.

A nivel loxístico e de preparación, os e as aspirantes a ocupar unha praza en veterinaria da Xunta de Galicia, estiman primeiramente que o período para a preparación dos temas é moi curto entre o anuncio e a realización dos exames. “Desde a publicación da convocatoria ata a realización das probas sería necesario un período mínimo de doce meses” di Emilio Doforno da Sección Autonómica de CCOO. 

Outra cuestión é a falta de regularidade entre as convocatorias. Así temos que desde a reestruturación a partir da entrada na UE e os veterinarios pasaron a ser parte da función pública, “só se convocaron tres procesos selectivos, un en 1993, cando entramos os primeiros, ano 2005 e o de 2018” di Manuel Jiménez veterinario e presidente da Asociación de Veterinarios Funcionarios da Xunta.

Unha consecuencia directa desta dilatación temporal entre unhas probas e outras, é que as vacantes que van aparecendo deben cubrirse con persoal interino. “Se convocas oposicións en 2005 e non convocas outras ata o 2018, eses interinos teñen catorce anos de antigüidade” di Jiménez.

Outro “atranco” é a densidade dos temarios e programas para estes profesionais. “Temos moitas normas, só ten en conta que a UE é o espazo sanitario máis esixente en todo o mundo, onde a normativa é moi ampla e moi difícil”, describe Manuel Jiménez, que recolle a queixa de que os programas para este corpo son “moi superiores aos doutros corpos da Función Pública e da mesma categoría”.

POR QUE TANTA POLÉMICA?

A orixe das polémicas sobre o acceso á veterinaria da Xunta está na descuberta de veterinarios que traballaban coma falsos autónomos desde 1996 ata 2000. As tarefas que realizaban eran de saneamento gandeiro, mais unha vez que Inspección de Traballo analizou o seu réxime laboral, resolveu que estes profesionais deberan ser persoal da administración autonómica. “Falamos de cando era Consellería de Agricultura e estaba dirixida naquel momento por Diz Guedes” di Emilio Doforno.

Os veterinarios foran dados de alta de oficio, mais “Diz Guedes teimou en dicir que eses traballadores non ían consolidar a súa posición dentro da estrutura da Xunta” lembra Doforno. A solución da Consellería foi despedilos. “Os custes do despedimento foron moi elevados e os afectados foron ao xulgado e gañaron a readmisión”.

Desde ese momento houbo un encadeamento de feitos negativos. Houbo problemas para recoñecer os servizos prestados como falsos autónomos para recoñecerlles trienios. Outro tanto lles pasou para recoñecerlles o tempo traballado para a Xunta no momento de facer as oposicións.

Ao final, logo dunha serie de probas, un tribunal sacou unha lista de veterinarios aprobados. “Uns anos despois outra sentenza decide “desnomealos”, porque lle deu a razón a outros veterinarios que reclamaron ter máis dereitos sobre os recentemente nomeados” explica Doforno. En total foran máis de corenta veterinarios que perderan a condición de funcionario. Desta maneira comezou unha serie de reclamacións e contrareclamacións nos xulgados.

E A SOLUCIÓN?

Non se ten solucionado. Non obstante, “hainos (veterinarios) dese grupo que van aprobando procesos, mais a cuestión principal non se solucionou en totalidade” di Doforno. Segundo estimacións de fontes sindicais, hai máis de vinte persoas afectadas aínda por estes acontecementos. Agora mesmo serían interinos, despois de seren desnomeados como funcionarios. “Isto non é doado de entender para quen non estea dentro”

Tamén hai uns noventa profesionais baixo a categoría de laboral, que están pendentes de consolidar o seu posto. “Un acordo ao que chegaramos en 2008 co bipartito, non se chegou a executar. Eses terán un proceso distinto” sinala Doforno. “Teñen unha “disposición” que hai no convenio que os ampara para facer a consolidación de emprego vía persoal laboral”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta