Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 15:33
Os votos do PPdeG serviron para rexeitar unha proposición non de lei presentada por Grupo Común da Esquerda que pedía a paralización de "calquera actividade" nos terreos da antiga canteira de Casalonga, en Teo (A Coruña), ata que non se resolvan as alegacións presentadas ao proxecto, que planea convertela nunha planta de residuos.
A proposta, que recibiu o apoio dos grupos da oposición, foi debatida na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada na mañá deste xoves na Cámara galega.
Fronte ás críticas expresadas pola oposición, que tachou o proxecto de "pelotazo" con "riscos sobre o medio ambiente", os populares, a través do deputado Gonzalo Trenor, manifestaron que o proxecto de explotación foi aprobado "con anterioridade" ao actual Goberno da Xunta, ademais de apelar ao novo plan de restauración da canteira "que rexeita o anterior".
Ademais, indicou que "cumpre" coas "condicións técnicas, ambientais e urbanísticas" do propio concello de Teo, que "nin revogou nin suspendeu" a licenza de actividade. Ademais, Trenor acusou a Marcos Cal (Común da Esquerda) de "mesturar" asuntos como "o tratamento de residuos, a rexeneración e as augas", polo que sentenciou que "lle importa pouco o apoio do PP, o que lle interesa é ter uns vídeos para subir ás redes sociais".
"A utilización desta antiga canteira para a creación dun megavertedoiro é un claro exemplo do colapso das políticas de xestión de residuos da Xunta e de Sogama: apatía, abandono e agresións ao medio en nome dos beneficios millonarios duns poucos", aseverou durante a súa intervención Marcos Cal, que chamou a "garantir" que leve a cabo "unha verdadeira rexeneración" de Casalonga e que esta non se some ós casos Touro e Miramontes.
Patricia Vilán (PSdeG) puxo o acento en que o proxecto para converter Casalonga nunha planta de xestión de residuos xerou unha oposición veciñal "moi forte" durante os últimos anos e especialmente hai un mes, cando se produciu o baleirado da lagoa. "Temos un grave problema coa xestión de residuos e coas canteiras. E para isto non hai ningún tipo de solución sobre a mesa", apostilou.
Nesta liña tamén se expresou Luís Bará (BNG), que asegurou que "a única vía" para "evitar este pelotazo" está na protección da lagoa, "que non é unha poza, senón que ten riqueza tanto de flora como de fauna".
Para o deputado de En Marea Davide Rodríguez, existen "múltiples experiencias" na rexeneración de canteiras e minas que pon de manifesto as carencias, a nivel normativo, que existe en Galicia a nivel ambiental.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.