O centro galego de Bruxelas: unha morte anunciada

"O peche do centro galego de Bruxelas e a Galicia que non quixo ser", é un artigo do colaborador de GC, investigador e Responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais (COSLA), Serafin Pazos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 27/11/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

A finais de outubro confirmouse o que algúns xa intuíamos, pechaba o Centro Galego de Bruxelas. Sorprendeu aínda así porque como temos dito noutras columnas precedentes adicadas á presenza de Galicia no mundo, a dobre natureza da entidade, por unha banda centro galego clásico, por outra promotora multicultural e unha das salas de eventos máis grandes de Bélxica (ocupaba un enorme edificio no centro de Bruxelas, restaurado con fondos belgas e galegos) pouco facía anticipar que desaparecería totalmente.

Sede do centro galego en Bruxelas
Sede do centro galego en Bruxelas | Fonte: elnacional.cat

Mais así foi o caso. O comunicado da entidade fala de problemas pola peatonalización do centro ou da normativa de ruídos. Non cabe dúbida que isto puido ser un factor  pero non é a primeira vez que falamos eiquí da encomiable labor intercultural (e empresarial) da entidade polo que sorprende un colapso tan repentino. Que desaparecera como centro galego pódese dicir que aconteceu xa hai tempo. Ninguén que teña nado en Galicia podería dicir que se sentía coma na casa nese centro, moitísimo máis coñecido polos afeccionados ao tango e á capoeira, ou polas festas para as novas camadas de eurofuncionarios, que polo seu carácter galego, sexa iso o que sexa nestes tempos de aculturación voluntaria. Moitos dos que cruzaron a súa entrada nin sequera  se decatarían que era outra cousa que un centro multiculti se non for polo letreiro no umbral.  En parte, por suposto, é lei de vida, xa apenas quedan galegos que emigraron na época clásica e os actuais nin precisan maiormente dun centro nin se identifican como galegos pouco máis ca por unha cuestión xeográfica e a asunción de tres ou catro tópicos veiculados desde o pensamento recibido desde Madrid.

Ao final caeu coma tantos outros nos últimos tempos, polo propio paso do tempo. Pero tamén por eses males tan galegos coma a patrimonializacion deste tipo de entidades polo núcleo (a miúdo familiar) fundacional, a perda dos referentes colectivos e por suposto o minifundismo patolóxico, que ese si, continua a identificarnos como pobo.  E iso vai por todos os galegos de Bruxelas, non só os catro resistentes que integraban a defunta entidade.

Non deixa malia todo de ser o exemplo mais palmario da Galicia que pode ser e non é. Bruxelas é a capital de Europa. Dáse a casualidade que tamén, por outras razóns que non veñen ao caso, é a cidade máis internacional do mundo, alomenos en termos de nacionalidades representadas. Que mellor carta de presentación dun pobo descoñecido que un centro cultural puxante. Vale moito mais que cen campañas de Turgalicia. Unha entidade reputada pola súa apertura aos demais e na promoción da cultura galega, na que caben e se senten benvidos todos os galegos de calquera persuasión e condición. Un núcleo que tece redes de influencia entre os galegos presentes nas institucións europeas, un modelo eficaz de diplomacia publica, como fai Escocia ou Baviera.   Un centro que grazas as xenerosas doazóns da Xunta si tiña unha biblioteca mellor ca moitas das vilas galegas, e como pasa con entidades similares en Bruxelas de Finlandia a Romanía poderíaa ter constituída un centro de diálogo intercultural e aulas para as novas xeracións de galegofalantes que accidentalmente naceron en Bruxelas. E tamén, claro que si, un centro para facer festas coma as que fan os portugueses ou poloneses coa chegada do bo tempo.

Nada diso aconteceu. Aconteceu o que acontece sempre. O que se espera dos galegos. Que nos esvaezamos sen máis alá dun salouco polo que puido ser e no fondo ninguén quixo realmente que fose.

Pero non imos rematar coma tantos outros artigos autoflaxelantes, que o único que valen e para terapia do que os escribe e confirmación polo lector da inviabilidade da saudade galega: so unha semana despois outra asociación, o Couto Mixto Bruxelas, integrados dese hai doce anos por unha ducia cambiante de profesionais galegos emigrados, organizou non un, senón dous actos de promoción da cultura galega: a presentación do ultimo libro de Xavier Alcalá (promotor inicial da entidade) e uns dias mais tarde a celebración, tras uns anos de hiato, do Festival de Cans de Bruxelas, con excelente acollida de publico cinéfilo belga e europeo e a presenza do seu promotor Alfonso Pato.  O futuro non esta escrito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta