Miles de persoas saen ás rúas de Verín para denunciar os recortes sanitarios de Feijóo

O concello non descarta levar o "desmantelamento" do hospital de Verín á Fiscalía. PSdeG, BNG e En Marea esixen ao presidente galego "unha rectificación" á súa política sanitaria.

Por Galicia Confidencial | Verin | 30/11/2019 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

Miles de persoas mobilizáronse esta tarde en Verín para protestar contra o que consideran "o desmantelamento"  do hospital da localidade e esixir ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "unha rectificación" tras denunciar os continuos recortes no centro.

A multitudinaria protesta arrincou pasadas o cinco da tarde cun abrazo simbólico dos manifestantes a todo o perímetro do centro sanitario, que deu paso a unha gran manifestacion polo núcleo urbano, que transcorreu desde o propio hospital até a Praza Maior, onde se procedeu á lectura dun manifesto.

Durante todo o percorrido da marcha, púidose observar como todos os establecementos da poboación permanecían pechados en solidariedade coa protesta, e mesmo se fretaron varios autobuses desde diferentes puntos da provincia para poder participar na mobilización.

Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal
Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal

"DESMANTELAMENTO" DA SANIDADE PÚBLICA

En declaracións aos xornalistas, Yolanda Domínguez, integrante da Plataforma Sanitaria en Defensa da Sanidade de Monterrei e secretaria da comisión delegada do Hospital de Verín, reivindicou a importancia desta convocatoria "porque xa viamos vir o desmantelamento do noso hospital e de toda a sanidade pública en todos os comarcais, e que xusto coincidiu co peche do paritorio", afirmou.

Respecto das causas ofrecidas desde a xerencia para xustificar o peche deste servizo, indicou que "fai catro meses non había ningún problema e que todo comezou coa falta de pediatras que cubran o servizo cuestionando as razóns esgrimidas pola dirección". Entre outras críticas, denunciou os recortes nas distintas especialidades e recursos que están "en mínimos", mentres reprochou a falta de explicacións por parte do xerente "que está desaparecido" e doutros responsables.

"Se hai unha urxencia grave ou un problema serio cun neno non hai un pediatra que o atenda", resolveu a representante da plataforma sanitaria, que cualificou o peche do paritorio como "a estocada" a unha fervenza de recortes dentro do centro comarcal e na sanidade pública.

Durante a manifestación participaron representantes de todos as formacións políticas de Verín para demandar que se dote de recursos ao hospital da localidade. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, asegurou que se trata dunha "manifestación histórica" contra unha decisión que tachou de política, e advertiu de que van pedir ante a Fiscalía que a xerencia dea explicacións.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

PSdeG, BNG e En Marea esixiron ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "unha rectificación" á súa política sanitaria, ao considerar "un clamor" as protestas contra "a nefasta política sanitaria", dixo advertiu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou que se manteñan os servizos do hospital para "non prexudicar os dereitos da cidadanía, do rural e das mulleres", tras tachar de "irresponsabilidade política" pechar servizos.

Noa Presas, do BNG, pediu "responsabilidades políticas" ao sinalar que "non se sosteñen eses criterios pseudotécnicos", e apuntou que o problema de fondo é "a incapacidade" da xerencia para atraer pediatras para traballar en Ourense, fronte ao que sucede "no resto de Galicia". Tamén, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, denunciou a falta de medios humanos e o "desmantelamento" do hospital ourensán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 José

Feijoo deixa que Galicia caia a cachos..