Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 14:23
A Fiscalía e a plataforma de afectados recorreron o arquivo das actuacións respecto dos cargos do Sergas --Félix Rubial e Carolina González-Criado (quen entón eran director de Asistencia Sanitaria e subdirectora de Farmacia)-- investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación polo suposto atraso de tratamentos a pacientes con Hepatites C decretado polo Xulgado de Instrución número 3 de Santiago.
Segundo informou a Europa Press o avogado da plataforma de afectados, Pedro Trepat, presentou un recurso de reforma ante o xulgado instrutor porque "existen indicios máis que suficientes" sobre que "o atraso na aprobación do medicamento foi debido a motivos orzamentarios". No recurso defende que "en fase de instrución non é necesario unha proba", senón "indicios" que, ao seu xuízo, "existen suficientes" para lembrar que "a lei di indicios de criminalidade". O letrado avanzou que no caso de que este recurso de reforma sexa desestimado polo xulgado, presentará recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.
Pola súa banda, a Fiscalía interpuxo ante a Audiencia Provincial recurso de apelación contra o auto do pasado 25 de novembro do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago polo que acorda o sobresemento provisional das actuacións abertas polo chamado caso da Hepatite C.
A xuízo do Ministerio Público, manifestaron a Europa Press fontes da Fiscalía, "a actuación dos investigados ha de ser valorada no acto de xuízo oral con tódalas garantías para as partes", e por tanto, tal valoración "non debe de ser anticipada polo xuíz instrutor, por corresponderlle a mesma ao órgano de enxuizamento". A Fiscalía solicita da Audiencia Provincial da Coruña que "deixe sen efecto o auto impugnado" e "abra procedemento abreviado contra os investigados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.