Por Galicia Confidencial | Madrid | 25/12/2019 | Actualizada ás 10:47
O rei español Felipe VI tentou rebaixar a tensión territorial que existe no estado e fixo un recoñecemento da pluralidade, algo que xa mencionou no discurso de 2017, pero tamén volveu apelar á “unidade” para conseguir “resolver” os “problemas” sen “divisións nin enfrontamentos”.
No seu tradicional discurso de Nadal, recoñeceu a “diversidade territorial” como un dos valores fundamentais de España e apelou á “vontade de entendemento” para conseguir “integrar as nosas diferenzas” dentro do “respecto” á Constitución. Con todo, as referencias a Catalunya foron escasas e indirectas, en tanto que o Borbón non mencionou a sentenza europea sobre Oriol Junqueras.
En calquera caso, o xefe do Estado español non quixo cargar as tintas sobre a situación de interinidade que se vive en España ás portas da formación de Goberno, na que se está negociando con ERC a investidura do presidente de Executivo. Neste sentido dixo que lle corresponde ao Congreso "tomar a decisión que considere máis conveniente para o interese xeral de todos os españois". Iso si, advertiu que "non debemos caer nos extremos" para preservar a "solidez do noso Estado".
FRANQUISMO
Ademais, Felipe VI puxo a súa mirada no pasado cunha referencia velada ao franquismo, ao que se refire como un “muro de intolerancia, rancor e incomprensión” que foi derrubado grazas aos valores de “diálogo”, "xenerosidade" e "respecto" da sociedade española. Uns valores que, segundo o rei, “levan moitos anos presentes entre nós e constitúen un aceno de identidade” que debe ser fortalecida.
En todo caso, evitou criticar ou condenar o ascenso da ultradereita, que se alimenta do pasado franquista, e tampouco fixo referencias directas aos elementos políticos que poden poñer en cuestión eses mesmos valores de concordia e diálogo.
INUNDACIÓNS
No seu discurso taén fixo alusións a aqueles que “sufriron” as consecuencias devastadoras das riadas e inundacións en España nas últimas semanas, o rei manifestou a súa preocupación polos “tempos de incerteza” que experimenta a sociedade e, como xa fixo en 2018, falou do cambio climático e a crise de sustentabilidade que “condicionan xa de maneira inequívoca nosas vidas”.
MACHISMO
Con todo, e como nos últimos anos, o monarca español non adicou ninguna palabra á violencia machista, xa que non houbo nin unha soa mención ás máis de cincuenta mulleres que foron asasinadas este 2019. Así, a única alusión ao machismo estrutural foi “a desigualdade laboral entre homes e mulleres”, o cal é para o monarca una das grandes preocupacións e inquietudes da nosa sociedade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.