Centos de veciños e sanitarios de Verín celebran unhas Badaladas anticipadas pola reapertura do paridoiro

Profesionais do hospital comarcal "xa se esperaban" a renuncia do xerente: "Practicamente non veu por aquí" desde o peche do servizo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2019 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia



Centos de persoas, tanto veciños como persoal sanitario de Verín, acapararon o campo de fútbol próximo ao hospital comarcal para celebrar unhas Badaladas de Fin de Ano adiantadas coas que volveron a reclamar a reapertura do paridoiro.

Nun ambiente festivo pero reivindicativo, os asistentes acudiron ao lugar pasadas as 12,00 horas do mediodía para tomar as tradicionais doce uvas de Noitevella acompañadas cada unha delas por unha proclama: "Pola recuperación das urxencias pediátricas!".

Ademais, esta protesta organizada por Plataforma en Defensa da Sanidade Pública foi amenizada por unha sátira na que os dous presentadores parodiaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e á súa parella. "Fóra, fóra, fóra, fóra!", gritáronlles os manifestantes.

Entre bombos e gaitas, os centos de veciños e sanitarios participantes nesta 'foliada' puideron compartir tamén unha comida na que a consigna máis escoitada foi "Verín non se pecha".

UNHA RENUNCIA "ESPERADA"

Este evento ten lugar a menos de 24 horas de transcender que o xerente do hospital comarcal, Miguel Abad, cesaba do seu cargo por motivos "estritamente de ámbito persoal", segundo explicou en declaracións a Europa Press.

Con todo, fontes das matronas consultadas expresaron que entre os sanitarios xa "se esperaban" esta renuncia. "Desde que se deu a noticia do peche do paridoiro, practicamente non veu por aquí", indican estas mesmas fontes.

Neste contexto, sobre as promesas vertidas por parte da Xunta de que se atopan pediatras para Verín o paritorio volverá estar operativo "en 24 horas", as matronas consideran que "deron tantas versións para saír do paso".

"O dos pediatras non nolo cremos moito, a verdade. Estamos xa un pouco escépticas. A realidade é que o paritorio segue pechado", lamentan.

Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal
Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta