Por Alberto Quian | Madrid | 31/08/2012 | Actualizada ás 09:00
30 de setembro de 2011. O Banco de España anuncia que o Estado pasa a tomar o control de tres entidades bancarias a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para a súa recapitalización: o 93% de NovacaixaGalicia, o 90% de CatalunyaCaixa e o 100% de Unnim. A noticia percorre medio mundo e os analistas de Stratfor comezan a intercambiarse correos electrónicos. Neses emails copian a información que publica ese mesmo día o xornal The Washington Post da axencia Associated Press co título "Spain nationalizes 3 weak banks that failed to meet new capital reserve requirements" ("España nacionaliza tres bancos débiles que non cumprían cos novos requisitos de reservas de capital").
Os analistas de Stratfor intercambian opinións sobre a nacionalización dos bancos españois. Nun deses correos —aos que GC tivo acceso a través de WikiLeaks— Peter Zeihan, vicepresidente de Análises da compañía de intelixencia global, é rotundo na súa valoración do sector bancario español: "A metade é unha absoluta merda".
Zeihan xa adianta tamén que a debilidade de boa parte do sector bancario condenará finalmente a España a pedir o rescate total do país; unha eventualidade que a día de hoxe xa se dá por segura e que, posiblemente, se executará este mes de setembro.
O email de Zeihan é enviado á conta de correo do departamento de Análises da compañía de intelixencia global. Neste, comenta:
"Aproximadamente a metade do sector bancario español é unha absoluta merda. O seu rescate custaría probablemente o 15-30% do PIB e poñería de cheo a España baixo a tutela do EFSF [Fondo Europeo de Estabilidade Financeira, nas súas siglas en inglés]".
Peter Zeihan, vicepresidente de Análises de Stratfor
En contraposición, Zeihan opina que "por sorte a outra metade [dos bancos españois] é a mellor do mundo". Pero o máis salientábel no seu correo é o seu prognóstico, en petit comité, sobre as intencións do plan de continxencia en España, que procuraría asegurar ao Banco Santander como eixo do sistema bancario do país:
"O plan de continxencia español é literalmente facer que o Santander (a metade desa outra metade) tome o control como o banco central do país", interpreta Peter Zeihan.
Espía en Moody's
Para entender en que nivel se moven Zeihan e os seus colaboradores hai que saber que contan con xente da súa confianza que lles subministra información económica confidencial. Por exemplo, noutros correos aos que tivo acceso GC, Zeihan e o analista xeopolítico Marko Papic falan da presenza dunha "espía" na axencia de cualificación Moody's que colabora con eles. O asunto dos correos electrónicos do 4 de febreiro de 2011 é explícito: "did you ever get an updated bank list from your moody's spy?" ("Conseguiches unha lista actualizada de bancos da túa espía en Moody's?").
Papic, en resposta a Zeihan, contesta:
"Envieiche os datos totais do sistema bancario + soberanos. Ela estivo demasiado ocupada para conseguirnos os individuais, pero dixo o luns que podería ter tempo para conseguilos esta semana".
Noutro correo do 30 de novembro de 2011, enviado por Zeihan ao correo da sección de Análises de Stratfor co asunto "Standard and Poor's cuts ratings for top US banks" ("Standard and Poor's recorta a cualificación dos principais bancos de Estados Unidos"), o analista responde:
"Baseándonos na lóxica destas rebaixas, é prudente supoñer que os recortes masivos aos bancos europeos están á volta da esquina".
E xa noutro email avisa de que vai recorrer a súa espía para obter información sobre este asunto:
"Non teño ningunha dúbida de que un feixe tamén está chegando aquí (de feito, dareille un toque á nosa espía en Moody's). As rebaixas de S&P son da institución de novos sistemas, así que case todo o mundo vai ser recualificado aí".
Esa "espía" ben podería ser Liza Hintz, directora adxunta do grupo de investigación de mercados de capitais de Moody's. GC comprobou na enorme base de datos que puxo a nosa disposición WikiLeaks, cos máis de 5 millóns de correos electrónicos de Stratfor, que Marko Papic viña mantendo intensas e constantes comunicacións a través do correo electrónico e do teléfono con Hintz, coa que intercambiaba opinións, informacións e documentos varios sobre asuntos económicos de actualidade relativos á banca española, europea e estadounidense.
Quen é Peter Zeihan?
Peter Zeihan ocupa en Stratfor o cargo de vicepresidente de Análises. A súa labor é supervisar as operacións do día a día do desenvolvemento analítico da compañía e integrar a múltiples fontes de información nunha variedade de produtos para clientes de Stratfor.
A propia compañía de intelixencia preséntao como un "destacado orador, a miúdo perante executivos e inversores en eventos en todo o mundo".
Zeihan uniuse a Stratfor en 2000 e dirixiu varios equipos que traballaban sobre asuntos para Europa, a antiga URSS, América Latina e temas de enerxía.
Foi nomeado vicepresidente de Análises en 2007 e a súa presenza en medios internacionais é habitual: CNN, ABC, Fox News, The New York Times, The Wall Street Journal, Forbes, AP, Bloomberg, MarketWatch, etc.
Antes de unirse a Stratfor traballou para a embaixada de Estados Unidos en Canberra (Australia) e no Centro de Estudos Políticos e Estratéxicos en Washington DC, onde analizaba periodicamente a evolución de Asia, Europa e a antiga Unión Soviética, e facía informes e publicacións para unha variedade de clientes.
Zeihan ten un máster en Desenvolvemento Político e Económico da Patterson School of Diplomacy and International Commerce, un posgrado en Estudos Asiáticos na Universidade de Otago (Nova Zelanda) e unha licenciatura en Ciencias Políticas na Truman State University.
É experto en economía global e xeopolítica, enerxía, gas pizarra, abastecemento de petróleo, produtos alimenticios, demografía global, crise financeira europea, Medio Oriente, China, África, América Latina e Rusia.
Descarga os correos electrónicos de Peter Zeihan en GC Plus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.