Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2020 | Actualizada ás 18:44
A viceportavoz de Grupo Común da Esquerda Luca Chao asegurou que a nova lei galega de residuos que iniciará en breve a súa tramitación parlamentaria "perpetúa o desastre ambiental de Sogama".
Así se pronunciou a deputada en declaracións aos medios antes de participar xunto a outros membros do grupo nunha reunión con membros de diversas plataformas ambientais para a preparación de emendas ao texto lexislativo, que recibiu o visto e prace da Xunta en decembro.
"Esta é unha lei que se concibe para adaptar as directrices europeas en materia de xestión de residuos, que marcan para o 2020 obxectivos de reciclaxe do 50%, mentres que Sogama está a día de hoxe no 3%. É unha lei baleira de contido real e unha burla á cidadanía galega", aseverou Chao.
Común da Esquerda reclama un "cambio de modelo" na xestión de residuos de Galicia, xa que considera que o actual está "centralizado en mans persoais que transporta o 90 por cento, coas consecuentes emisións que isto provoca".
"Sogama ten un negocio multimillonario para Nartury, a quen lle sae moi a conta contaminar o que é de todos e todas", incidiu a deputada, que denunciou que o "modelo Sogama do PP está a encher o país de vertedoiros, enterrando millóns de toneladas de lixo en ocos de canteiras como fixeron en Miramontes (Santiago) ou como pretenden facer en Casalonga (Teo)".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.