Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/01/2020 | Actualizada ás 18:23
A Real Academia Galega (RAG) e a Asociación PuntoGal convocaron a terceira edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza do galego e da identidade propias no mundo dixital.
O prazo de presentación dos textos, para persoas de todas as idades, abrirase o 1 de febreiro e concluirá a finais dese mes, segundo informaron, na presentación desta iniciativa, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, xunto ao presidente de PuntoGal, Manuel González, e o seu director xeral, Darío Janeiro.
Na presentación, tanto Freixanes como Manuel González incidiron na necesidade de "integrar ás novas xeracións" no uso do galego e neste obxectivo situaron o concurso.
Por outra banda, destacaron o aumento no número de participantes, pasando de 300 na primeira edición a 480 na segunda, segundo expuxeron.
Nesta edición, repartiranse nove premios, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades para facilitar a participación de todo o público. En infantil, poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; en xuvenil, mozos de 12 a 17 e na de adultos, calquera persoa maior de idade.
Por outra banda, anunciouse unha nova promoción por parte de PuntoGal para rexistrar o dominio .gal durante dous anos por 15 euros máis IVE, a metade do prezo habitual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.