A Cámara chama a traballar contra o racismo e a xenofobia no recordo ás vítimas do Holocausto

A Cámara galega emitiu unha declaración institucional con motivo da conmemoración cada 27 de xaneiro do Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia chamou este mércores á Xunta a "traballar arreo" contra os posibles "brotes de racismo, xonofobia, antisemitismo" e "outras discriminacións" baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas.

A Cámara galega emitiu unha declaración institucional con motivo da conmemoración cada 27 de xaneiro do Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos.

No texto, o lexislativo galego sinala que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, "será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos".

"O Holocausto é o resultado dun programa de persecución, encarceramento e exterminio levado a cabo polo nazismo, que asasinou máis de seis millóns de persoas", sinala a Cámara, que lembra que "tivo a súa orixe no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica" e "derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da ditadura franquista, que perseguiu a miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español tras a derrota da República en 1939".

En particular, segundo indica a declaración, o Parlamento galego "quere lembrar aos máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano". E é que, conforme lembra, algunhas fontes históricas indican que "200 deles eran orixinarios de Galicia e morreron alí ou nunca puideron regresar".

"Por todo isto, o Parlamento de Galicia fai súa a declaración da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que se rexeitou toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico", indica o Lexislativo galego.

Ademais, condenou todas as manifestacións de "intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica nas crenzas relixiosas, e teñan lugar onde teñan lugar".

Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta