Rexeitan a recusación presentada pola Fiscalía contra a xuíza que instrúe a Operación Zamburiña

Trátase dun procedemento contra nove presuntos traficantes e catro policías da anterior brigada antidroga da Comisaría da Policía Nacional de Ourense.

Por E.P. | OURENSE | 06/02/2020 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense rexeitou o incidente de recusación presentado o pasado novembro polo Ministerio Fiscal contra a maxistrada que instrúe a Operación Zamburiña, un procedemento contra nove presuntos traficantes e catro policías da anterior brigada antidroga da Comisaría da Policía Nacional de Ourense.

Audiencia provincial de Ourense.
Audiencia provincial de Ourense.

O proceso aberto acusa os catro axentes de protexer, tolerar e facilitar información para que os presuntos traficantes se fixesen con grandes incautacións de substancias psicoactivas.

Despois de que se abrise esta causa, o pasado novembro, o Ministerio Fiscal interpuxo un incidente de recusación contra a xuíza de instrución, pero "todas as partes comparecentes presentaron os correspondentes escritos" nos que manifestaban a súa "oposición" á recusación para apartar a maxistrada do caso.

Igualmente, a Audiencia Provincial opúxose a esta medida xa que considera que para expor unha recusación é necesario "expresar concreta e claramente a causa legal e os motivos" nos que se fundamenta. Debe sosterse con "feitos e circunstancias concretas" que deixen un "rastro escrito".

Esta é unha condición que o órgano provincial non aprecia neste caso e, ademais, considera "que os intereses" da Fiscalía "están perfectamente garantidos" no que respecta a un "xuíz imparcial".

Por todo isto, rexeitouse o incidente de recusación, devólvese á recusada a causa e senténciase que contra esta resolución non será posible recorrer. Desta maneira, despois de meses de atraso, será posible iniciar a vista oral do xuízo.

En concreto, os 13 procesados na Operación Zamburiña enfróntanse a penas de prisión que suman case 100 anos de cárcere. A fiscal solicita sete anos e medio para o ex-xefe do departamento Antidroga; sete para un dos seus compañeiros e seis e tres meses para outra. O cuarto tería que pagar unha multa de 5.400 se o declaran culpable.

Para os traficantes o Ministerio Fiscal solicita penas de ata 13 de anos de cárcere por traficar con substancias psicoactivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta