As causas que motivaron o adianto electoral de Feijóo

As axendas políticas de Cataluña e Euskadi influiron directamente na postura do presidente galego. A decisión de adiantar os comicios galegos tomouna directamente el e consultouna só cos seus máis achegados. Dirixentes do seu partido non souberon nada ata este luns. Pero, por que adiantou Feijóo os comicios galegos que collen co pé cambiado a boa parte da oposición?

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2020 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

Galicia terá eleccións o vindeiro 5 de abril. Unha decisión casi precipitada e que colleu por sorpresa a moitos dirixentes do PP e a toda a oposición. Tan inesperada foi esta decisión que, mesmo colleu co pé cambiado ao principal xornal de Galicia e soporte de Feijóo na Xunta, La Voz de Galicia, que este mesmo luns daba por feito que as eleccións non coincidirían coas vascas.

O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero, durante a súa entrevista con Europa Press, en Santiago de Compostela
O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero, durante a súa entrevista con Europa Press, en Santiago de Compostela | Fonte: Galicia (España), a 9 de xaneiro de 2020.. César Arxina - Europa Press

"Adaptarse a ese calendario del 5 de abril otorgaría a los comicios gallegos un carácter de emergencia que no se compadece de ninguna forma con la situación de la comunidad ni con la estabilidad de un Gobierno que goza de mayoría absoluta. E implicaría, además, que Feijoo sometiera sus tiempos políticos para anunciar su casi segura candidatura a los intereses del PNV", recollía a crónica publicada en páxinas centrais da edición de Galicia.

E, efectivamente, o que fixo Alberto Núñez Feijóo foi "seguir os intereses do PNV" que, á súa vez, veñen marcados polos intereses do president catalán Quim Torra, de adiantar as eleccións catalans. O propio Urkullu non negaba este luns que un dos principais motivos para adiantar os comicios vascos é que non quere que o adianto catalán afecte á política vasca, logo da inestabilidade política que está provocando no conxunto de España.

Feijóo negou este luns que a decisión de Quim Torra teña afectado na súa decisión de adiantar os comicios galegos, aínda que recoñeceu claramente que si o fixo a postura adoptada por Urkullu, con quen mesmo chegou a falar deste tema. "É certo que a decisión do lehendakari vasco si que me condicionou", dixo. Con todo, finalmente, foron os cataláns os que marcaron a axenda política, primeiro de vascos, e logo dos galegos. 

"Fíxeno por coherencia de dúas nacionalidades históricas que nos entendemos e para mandar unha mensaxe, precisamente, de coherencia e de unidade ao resto de España", apuntou Feijóo. Xustificaba así un adianto electoral que ten moi difícil xustificación no caso galego a non ser a que se apele a súa "tradición" de facer coincidir todos os comicios galegos -con este son catro chamadas ás urnas conxuntas-- cos vascos, sendo sempre os vascos os que condicionan, entón, a axenda electoral galega. 

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido.. PPDEG
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido.. PPDEG

AS RAZÓNS "OFICIAIS"

Con todo, Feijóo tivo que buscar outras "razons oficiais", e esas foron "reducir ao máximo o período electoral" e evitar "unha campaña de seis ou sete meses". "Había a posibilidade este ano de ter tres eleccións nun horizonte de seis meses e iso é incompatible coa estabilidade que defendemos desde Galicia", dixo para xustificar esta coincidencia electoral con Euskadi. 

Por iso, insistiu na "coherencia" que xa amosou nos anteriores procesos electorais --todos eles coincidentes cos comicios vascos-- para volver repetir a mesma fórmula. "Galicia aporta seriedade, seguridade e responsabilidade ao conxunto do Estado. E estes principios están detrás da miña decisión", insistiu. Ademais, argumentou que Galicia xa ten os orzamentos deste ano aprobados e que, convocando en abril, o novo goberno terá tempo tamén de aprobar os orzamentos do vindeiro ano .

O SEU FUTURO

Do que non quixo falar foi do seu futuro electoral. Para sabelo emplazou aos xornalistas á rolda de prensa posterior á Xunta Directiva do PPdeG que se reunirá este martes para elixir ao candidato electoral. "A partir de entón poderemos falar da estratexia do partido en Galicia e a nivel nacional e doutras decisións que adoptemos", indicou tamén en relación a un posible acordo con Ciudadanos.

OPOSICIÓN

Precisamente, tras este adianto electoral, son moitos os partidos que quedan descolocados, sobre todo, os que lle poden facer sombra pola dereita. Así, Cs aínda está á espera de saber se hai un gran coalición co PP en Euskadi, Cataluña e Galicia, aínda que neste último caso, Feijóo xa dixo que non e, polo momento, os laranxas non teñen candidato recoñecible. Tampouco o ten Vox, que é quen pode rabuñarlle máis votos ao PP pola dereita e facer que perigue a súa maioría absoluta.

Pero tampouco están mellor as cousas na esquerda, a pesar de que todos critiquen que o adianto electoral ven condicionado por cataláns e vascos. O mellor posicionado é o PSdeG cun líder, Gonzalo Caballero, que xa foi designado candidato á Xunta e que leva de precampaña electoral desde hai semanas. Con todo, xoga na súa contra as numerosas feridas abertas que aínda ten o seu partido en Galicia.

O BNG tamén ten elixida candidata pero agora está de baixa maternal. Unha baixa que, de ser collida con normalidade sería ata maio, como mínimo. Pero é probable que acaba aparcando esa baixa para adicarse a precampaña e campaña electoral, algo que pode ser criticado. De feito, o BNG foi moi crítico coa conselleira Ethel Vázquez por abandonar tamén a súa baixa maternal por motivos políticos.

Máis difícil está a situación no espazo da antiga En Marea. Por unha banda, Podemos, EU e Anova non se puxeron de acordo sobre unha futura alianza electoral, nin un candidato, e, tampouco teñen unha marca política. E polo que respecta á En Marea de Luís Villares, tal e como el xa anunciou, acabará presentandose a estes comicios tras o "non rotundo" do BNG a unha coalición electoral que pode pasar factura ao conxunto do nacionalismo galego. Unha alianza que, por outra banda, o BNG xa ensaiou en 2015 con Nós-Candidatura Galega, mesmo deixando de lado as súas siglas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pelota

A única causa que provocou que Feijoo adiantara as elección é que Urkullo adiantou as suas. Punto.

1 Xanc

Ana Pontón ten que estar de permiso de maternidade 6 semanas obligatoriamente. O resto do tempo, a lei permítelle collelo durante o primeiro ano de vida da filla. Nada ten que ver co de Ethel Vázquez ou Carolina Bescamsa