Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/02/2020 | Actualizada ás 17:41
A Oficina da Valedora do Pobo deu resposta a un escrito de queixa da asociación ADEGA, onde pedía a actuación da Valedora ante a falta de resposta desde o goberno provincial de Ourense polo uso de glifosato. Esta actuación realizouse no Concello de Bande en 2019. En agosto do mesmo ano, ADEGA pedira ao ente que preside Xosé Manuel Baltar, documentación sobre esta actuación cun herbicida do que o seu uso está creando polémica.
A Valedora do Pobo comunicouse coa Deputanción de Ourense que, segundo consta nun escrito do organismo autonómico, entregou a documentación requirida. O ente provincial sinalaba no escrito enviado á Valedora, que desta maneira daba resposta aos escritos de ADEGA do 12 de agosto de 2019 e da propia Valedora enviado o 14 de xaneiro de 2020.
O Concello de Bande iniciara traballos de mellora na estrada OU-1212 Bande-Portugal. Desde Bande comunicouse a chegada do plan de traballo enviado desde a Deputacion ourensá. A Oficina da Valedora indica que non se recibiu documentación por parte do Concello de Bande negando permiso para estas actuacións. Ademais, o documento do organismo autonómico fai notar que non houbo tampouco ningunha comunicación sobre irregularidades durante os traballos de acondicionamento.
Deste xeito, a Oficina da Valedora do Pobo entende que non houbo actuación irregular, pois o Concello deu permiso para a aplicación dun produto fitosanitario sen que iso provocase ningunha protesta ou amonestación. Ademais, as obras contaban cun plan de traballo enviado pola Deputación e que foi aplicado debidamente. Así, o escrito de queixa presentado por ADEGA queda “atendida a súa queixa e nesta data finalizada a súa tramitación” segundo a Oficina da Valedora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.