Ferrol terá uns orzamentos para 2020 "responsables, realistas e emprendedores", segundo o alcalde

O diñeiro destinado á cidade aumento en máis de oito millóns de euros con respecto ao exercicio anterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2020 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia


O alcalde de Ferrol, Anxo Mato (PSOE), asegurou que o proxecto de orzamentos municipais que o seu goberno elaborou para este ano 2020 son "responsables, por atender as necesidades máis importantes que ten Ferrol en canto ás propias infraestruturas municipais; realistas, porque se achegan ás deficiencias que temos detectado nestes primeiros meses; e son tamén emprendedores, xa que pretendemos que mellore todo aquilo que se ve no día a día, os servizos para as persoas, ademais de ser un desafío que afrontamos con ilusión".

Ditas manifestacións realizounas o rexedor ferrolán nunha comparecencia na mañá deste venres, cando presentou os que son os primeiros orzamentos elaborados polo seu goberno, tras entregar minutos antes unha copia aos portavoces dos grupos municipais na oposición.

Así, este orzamento suma un total de 64.555.454,06 euros, un 14,72% máis que os últimos aprobados (2018), con Jorge Suárez (FeC) na Alcaldía. Aumentaron en 8,2 millóns de euros, cando os anteriores se situaban en 56 millóns de euros.

INVESTIMENTOS

O capítulo de investimentos recolle un montante total de 12.267.500 euros, unha subida de 86,30% en comparación co consignado hai dous anos. O goberno de Ferrol decidiu "recorrer ao endebedamento, en lugar de sanear máis o Concello", xa que a xuízo do alcalde socialista "as administracións públicas non teñen porque estar completamente saneadas, o que si teñen que facer é resolver os problemas dos cidadáns e esta cidade ten moita capacidade de mellora" se se "reverte o ciclo no que os excedentes redundaban nun Concello moi pouco endebedado".

Está previsto destinar 2,5 millóns de euros en proseguir cos traballos de rehabilitación do barrio de Recimil, composto por máis de mil vivendas de titularidade municipal. Tamén destinar 1,2 millóns de euros para facer obras de recuperación no recinto feiral de Punta Arnela, FIMO, ademais da construción dun centro cívico para o barrio de Ultramar, con 600.000 euros, a mesma cantidade que se destinará á rehabilitación da casa natal de Carvalho Calero, de propiedade municipal, e situada no barrio de Ferrol Vello.

PROXECTOS

A proposta económica do Concello de Ferrol tamén recolle a elaboración de ata trinta proxectos para poder desenvolver actuacións en distintos puntos do municipio, ademais de ata 15,6 millóns de euros para servizos e mantementos. Deles, 1,4 millóns de euros aparecen consignados para conservacións de viarias, 1,5 en mantemento de edificios e 1,3 millóns para actuacións na zona rural. Tamén se aumenta de maneira considerable a partida para Benestar Social, concretamente o apartado a atención á dependencia, que crece ata un 35%.

Desde o tres grupos na oposición, e tras poder contemplar estas contas, o PP a través do seu portavoz, José Manuel Rey Varela, asegurou que estas contas "chegan tarde, non quixeron contar connosco". Critican que "non se aborde a política fiscal, para que os ferroláns paguen o que lles corresponde polos servizos que reciben, ademais de non abordar a necesidade de dotar de máis persoal ao Concello, onde non aparece o convenio urbanístico co Ministerio de Defensa nin o saneamento da zona rural, así como vender cousas que non van ser unha realidade este ano". Por este motivo, o PP xa anunciou que "non tardaremos oito meses en presentar as nosas propostas, tal e como fixo o goberno e o luns comezaremos coas nosas achegas para mellorar este borrador".

Desde Ferrol en Común, o seu portavoz Jorge Suárez, criticou "as formas da presentación destas contas" mentres que o capítulo de investimentos detallou que "coñecendo os ritmos administrativos estas previsións son inaplicables en menos de oito meses". "O papel aguántao todo e analizaremos cos nosos órganos aqueles proxectos que notamos en falta e aqueles que estimamos que son prescindibles".

Por último, Iván Rivas, do BNG, destacou que "estes orzamentos supoñen un avance respecto da política de austeridade económica desenvolvida por PP e Ferrol en Común ao longo do últimos oito anos", polo que considera "positivo" que se decidiu contratar un préstamo para investimentos, aínda que mostrou a súa "preocupación de que segundo os informes que acompañen estas contas, se cumpra cos límites de austeridade orzaría, e que supón non executar máis do 30% dos novos investimentos".

O alcalde de Ferrol, Anxo Mato, presenta o proxecto de orzamentos
O alcalde de Ferrol, Anxo Mato, presenta o proxecto de orzamentos | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta