Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 15:24
A Coordinadora Nacional de Anova proporá ao exalcalde de Santiago por Compostela Aberta, Martiño Noriega, ao exdiputado Miguel Anxo Fernán Vello e á xornalista e activista Iria Figueroa para as listas que a formación nacionalista compartirá coas mareas municipalistas e Galicia en Común.
Así o confirmou este sábado en Teo o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, que tamén trasladou a súa decisión de apartarse da carreira das candidaturas tras oito anos no Parlamento de Galicia. A partir de agora, centrarase nun papel orgánico no partido.
Unha das principais sorpresas é a presenza de Iria Figueroa para ocupar o número 2 na lista por Pontevedra, posición para a tamén soaba a concelleira viguesa Oriana Méndez. A activista, de 25 anos, ocupouse recentemente dos labores de comunicación no Grupo Común da Esquerda e estivo moi vinculada ao movemento asociativo estudantil, de carácter soberanista, como portavoz do sindicato nacionalista 'Erguer!'. Sánchez destacou que se trata dunha persoa que "sabe o que é a precariedade" que viven os mozos deste país e a "falta de expectativas laborais".
Martiño Noriega, pola súa banda, representa un perfil situado para ser "unha peza moi importante" do proxecto político e que "achega moito valor á candidatura" de Galicia en Común-Anova-Mareas. Asegurou que a súa presenza "vai ser moi importante para a derrota de Núñez Feijóo". "Representa esa parte soberanista e municipalista da coalición", resaltou o portavoz de Anova, quen valorou que o exrexedor compostelán "está disposto a afrontar este compromiso con toda a enerxía".
Finalmente, Fernán Vello será a proposta para encabezar a lista por Lugo como "referente político, pero tamén cultural e literario", que conta coa "máxima confianza dos homes e mulleres de Anova". Sánchez incidiu no compromiso do exdeputado e a súa experiencia tras dúas lexislaturas no Congreso.
"Cremos que temos uns compañeiros e compañeiras que son garantía do que pretendemos, que non haxa só un cambio de cromos na Xunta de Galicia, senón que haxa un cambio de políticas".
FUNCIONAR "COMO UN SÓ EQUIPO"
Tamén valorou como "satisfactorio" o acordo "unitario" alcanzado polas forzas da esquerda rupturista, que será "fundamental para terminar co dez anos negros de Feijóo" e que "vai ser decisivo para a súa derrota". "Galicia necesita un cambio de rumbo inmediato e urxente, por iso imos pór ás mellores candidatas e candidatos para logralo", insistiu.
Así mesmo, tras recoñecer que non acudirá este sábado ao acto de Pablo Iglesias na Coruña, polo seu compromiso coa asemblea de ADEGA, confiou en que, unha vez dilucidadas as candidaturas de todo ese espazo, a coalición empece a funcionar "como un só equipo" para chegar ao 5 de abril cunha alternativa "explicada a toda a sociedade galega".
SOBRE A SÚA MARCHA: "A VIDA SON ETAPAS E HAI QUE CAMBIAR"
Sánchez tamén avanzou que, a partir de agora, centrarase nun papel máis orgánico como portavoz nacional de Anova, unha decisión que se tomou tanto "colectivamente" como "persoalmente" tras "oito anos de moito traballo no Parlamento".
"A vida son etapas e hai que cambiar", sinalou, non sen asegurar que o seu compromiso político é "para toda a vida" e que colaborará "desde onde estea" para "fortalecer un proxecto político" iniciado en 2012 e que "ten moito percorrido por diante".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.