Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/03/2020 | Actualizada ás 20:56
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, volveu a incorporar --do mesmo xeito que nos comicios autonómicos de 2016-- a totalidade dos 11 conselleiros que conforman o seu Executivo nas candidaturas para a cita coas urnas do 5 de abril.
As listas ratifican ao propio Feijóo como cabeza de lista por Pontevedra; así como á conselleira Ángeles Vázquez como número 1 pola Coruña; á presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia, á fronte da candidatura lucense; e á ata agora delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, como un pola provincia ourensá.
Pola Coruña, como número dous concorre o presidente provincial dos populares, Diego Calvo, vicepresidente da Cámara no último mandato; mentres que a segunda de Feijóo por Pontevedra será Corina Porro e de tres vai o presidente provincial do PP pontevedrés e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
No caso de Lugo, o número dous tras Candia é o conselleiro de Economía, Francisco Conde; e de segundo na candidatura de Ourense concorre o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
No conxunto das listas intégranse tamén en postos de saída os altos cargos cuxo cese se publicou este luns e foi aprobado polo Consello da Xunta o xoves da pasada semana.
Feijóo referiuse aos integrantes das candidaturas como "un equipo de xente que vale para o Goberno, para altos cargos da Comunidade e, por suposto, para excelentes parlamentarios". "Este Goberno que conseguiu estabilidade merece ter un posto no Parlamento", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.