Gonzalo Caballero cre que "o único exemplo" que pode dar Feijóo de xestión industrial é o "escándalo" de Pemex

O candidato socialista denuncia "o descaro absoluto" do PP ao "utilizar" os eventos institucionais da Xunta para a súa precampaña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2020 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "o único exemplo" de política industrial do que pode presumir o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é "o escándalo" da petroleira mexicana Pemex, con cuxo exdirector xeral, Emilio Lozoya, detido a mediados de febreiro por corrupción, reuniuse e "sacouse unha foto".

O candidato do PSdeG á Xunta, Gonzalo Caballero, presenta o lema de precampaña da súa formación para as autonómicas galegas
O candidato do PSdeG á Xunta, Gonzalo Caballero, presenta o lema de precampaña da súa formación para as autonómicas galegas | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional, o candidato socialista á Presidencia da Xunta nas eleccións do 5 de abril criticou que Feijóo "non quere falar de industria" na Cámara galega, despois de que o PP tombase na Deputación Permanente a súa comparecencia para explicar os casos que rodean a Pemex e ao seu exdirector, que "foi prófugo da xustiza por suborno".

Diso serviuse Gonzalo Caballero para lembrar que Feijóo chegou a "parar a emisión en directo da TVG para anunciar a chegada dunha construción de buques histórica" a Galicia, dos cales "soamente chegaron dous e un deles está paralizado no estaleiro Barreras".

Respecto deste estaleiro, o candidato do PSdeG tamén afeou que o presidente galego o metese "nunha situación crítica" ante a cal "o Goberno de España tivo que baixar a buscar mecanismos de financiamento para solucionar" os seus problemas.

A todo iso sumou as supostas irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas en axudas á emigración en Venezuela, os "recortes" na sanidade, os "70.000 ocupados menos" que hai en Galicia que hai 11 anos e o despoboamento do rural. "Feijóo é un escapista das súas responsabilidades, porque non quere ver a Galicia real, na que fixo desastre tras desastre", esgrimiu.

Ante todo iso, Caballero apelou á "cidadanía progresista de Galicia" para que vaia votar o 5 de abril e así "retirar a un personaxe tan nefasto para a democracia e para a política e a economía deste país". Isto será posible, asegurou, "se hai unha participación alta e activa" nos comicios.

O PP, "EN FASE DE RETROCESO"

Preguntado sobre as últimas enquisas publicadas, que apuntan a que o PP podería revalidar a maioría absoluta, o secretario xeral do PSdeG matiza que "todos" os estudos demoscópicos recollen que os populares "están nunha fase de retroceso" e os socialistas en "ascenso".

"Con que (o PP) perda un deputado por cada provincia, finiquitouse o tempo de Feijóo e creo que vai ocorrer, porque o 60 por cento dos galegos di en todas as enquisas que quere un cambio político", asegurou.

Ademais, Caballero advertiu que o presidente da Xunta "xa ten na súa axenda a previsión de pactar con Vox" se diso depende seguir gobernando. "Dixo con claridade que ten o pálpito de que a maioría absoluta a perdeu e sae á desesperada pedíndolle a Vox que lle dea os votos", explicou.

Segundo o socialista, Feijóo "tenta aparentar progresismo e centrismo", pero "é un conservador en vea", porque "é herdeiro político de Romay Beccaría, a liña máis retrógrada do Partido Popular".

O PP "UTILIZA" A XUNTA EN PRECAMPAÑA

Xa en plena precampaña electoral do 5A, Gonzalo Caballero denunciou a "utilización que fai o PP da Xunta", que é "propia dunha democracia non avanzada". "Teñen un descaro absoluto", apostilou.

A modo de exemplo, referiuse ao acto celebrado polo Goberno autonómico na Cidade da Cultura con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no que o propio Feijóo participou.

Este evento, en palabras do líder do PSdeG, serviu para "utilizar o lema do PPdeG en boca da presentadora", Silvia Jato, quen chegou a proclamar: "Galicia é moito, si señor".

"UNHA AXENDA FEMINISTA"

Sobre o 8M, Gonzalo Caballero valorou que aínda que en España "houbo moitos avances nos últimos anos e nas últimas décadas" pola igualdade, aínda existen problemas como fenda salarial e a violencia machista, contra o cal fixo un chamamento a "combater de forma unánime".

Neste contexto, dixo que os socialistas teñen "un compromiso moi claro coa igualdade real", polo que adoptarán "unha axenda feminista" para o próximo Goberno galego, "a diferenza do que fixo en 11 anos o PP de Feijóo, de Casado e de Baltar".

"Hai pouco Feijóo dicía que non sabía o que era o feminismo, e de súpeto, nuns meses, cambia de posición e tenta incorporarse ao movemento feminista", lamentou, á vez que lembrou que "hai dous anos" o PP dicía que as mobilizacións e folgas do 8 de marzo "eran unha cuestión machista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Este debe ser o "cambio" do que fala o "candidato" https://twitter.com/anluma99/status... HIPÓCRITAS !!! https://twitter.com/00Gamela/status...