Pontevedra estuda o seu primeiro caso de coronavirus nun home ingresado no Hospital Montecelo

En Galicia hai seis pacientes infectados e oito casos pendentes de confirmación.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/03/2020 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade remitiu ao Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid as probas dun home ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra para confirmar se presenta a infección por coronavirus.

Fontes sanitarias consultadas por Europa Press confirmaron que este paciente se atopa ingresado illado no Hospital Montecelo á espera da confirmación das probas de Madrid tras obter un positivo na realizada en Pontevedra.

Neste caso este home ingresou na tarde-noite deste domingo no Hospital Montecelo con sospeita de coronavirus e o seu caso está en estudo, aseguraron fontes consultadas, que engadiron que o médico que o atendeu atópase en illamento preventivo.

Así, este caso súmase aos oito pendentes de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía de infección por coronavirus. Deles, seis están en illamento domiciliario e outros dous permanecen nun hospital.

En concreto, na Coruña hai sete casos pendentes de confirmación. Cinco deles teñen un vínculo epidemiolóxico cun dos positivos confirmados nesta área, un home de 81 anos, e outros dous casos carecen de vínculo epidemiolóxico entre eles nin con ningún dos positivos, segundo indicou a Consellería de Sanidade, que investiga os contactos para previr novos contaxios.

Mentres en Ourense, Sanidade está pendente de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía dun caso importado que deu positivo nunha primeira proba. Corresponde a unha muller de 35 anos que imparte clases no colexio dos Salesianos da cidade das Burgas, que regresou hai uns días de Venecia. Non presenta sintomatoloxía e permanece ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense.

Actualmente en Galicia, a Consellería de Sanidade confirmou seis casos positivos en Galicia, catro en Vigo --tres dunha mesma familia e o cuarto con vínculo estreito con ela-- e dous na Coruña --sen relación entre si--.

Hospital de Montecelo, en Pontevedra
Hospital de Montecelo, en Pontevedra | Fonte: aldhos.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta