Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 14:29
Case tres semanas despois de selar o acordo para unir forzas nunha coalición para as autonómicas e cando o posible adiamento dos comicios pola crise do coronavirus está sobre a mesa, Podemos Galicia, Anova e Esquerda Unida presentaron a súa candidatura para as eleccións galegas, ás que acoden reivindicándose como a "garantía" de que non haberá "fugas" no electorado progresista de face a lograr unha maioría alternativa ao PP e así construír un goberno "progresista e colaborativo" na Xunta.
Este mércores, o candidato de En Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino; a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla (EU), e o número tres pola Coruña, Martiño Noriega (Anova), participaron nun almorzo informativo que supuxo a primeira imaxe conxunta dunha confluencia que se pechou 'in extremis' o pasado 21 de febreiro.
"Nunca é tarde", asegurou Gómez-Reino a preguntas dos medios durante a rolda de prensa, na que destacou que "o fundamental" era "estar á altura da responsabilidade histórica nun momento no que Galicia está moi preto do cambio político".
Co "goberno progresista" como "exemplo das medidas que se teñen que adoptar" nun futuro executivo autonómico alternativo, Gómez-Reino enxalzou que "a foto" deste mércores coas referencias de Anova, Podemos e Esquerda Unida na candidatura "é unha moi boa noticia" porque "representan boa parte do caudal político de cambio deste país".
Para o de Podemos, a unión das tres forzas "foi unha das peores que tivo Feijóo nos últimos tempos", o que lle levou a sentenciar que "o tempo" do líder do PPdeG á fronte da Xunta "terminou". "Desde hai tempo hai en Galicia unha maioría social que pide un cambio", subliñou Gómez-Reino, que puxo como exemplo diso que "tres das sete cidades do cambio" entre o 2015 e o 2019 estaban en Galicia, en referencia aos gobernos das mareas que estiveron á fronte dos concellos de Santiago, A Coruña e Ferrol durante o pasado mandato municipal.
MARTIÑO NORIEGA
Un destes 'alcaldes do cambio' foi Martiño Noriega, que ocupa o 'tres' da lista de Galicia En Común-Anova Mareas pola provincia da Coruña. Para o exrexeor compostelán, a coalición "atende a unha demanda da cidadanía" e "continúa o relato" construído desde o ano 2012 pola "esquerda alternativa".
"Coa diversidade" como un elemento de "forza" ao unir "o soberanismo, o federalismo e o municipalismo", Noriega cre que Galicia En Común sela as "fugas" que poderían producirse entre o electorado progresista. "Se vai haber cambio político, será con este espazo", dixo.
Pola súa banda, a número uno por Pontevedra e coordinadora nacional de EU, Eva Solla, apelou a "recoller" o traballo realizado no últimos oito anos no Parlamento de Galicia --primeiro con Alternativa Galega de Esquerdas e despois con En Marea e Grupo Común da Esquerda-- en materia de "defensa" dos servizos públicos, os sectores produtivos ou a cultura.
"Bebemos de todo iso e agora axuntámolo para elaborar o programa", incidiu Solla, que tamén avanzou que entre as propostas de En Común estará medidas de restrición á "proliferación" de casas de aposta na comunidade.
ENQUISAS
Cuestionados sobre as enquisas que vaticinan un retroceso do espazo político que logrou ser segunda forza en 2016, Gómez-Reino mostrou a súa confianza en reverter a tendencia, convencidos de que as campañas son un terreo que lles beneficia. "As campañas dánsenos ben", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.