Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 30/03/2020
Cando estoupou a crise financeira do 2008, apareceu unha determinada terminoloxía no ámbito económico para ilustrar a suposta capacidade dos técnicos á hora de xestionar semellante desfeita (a pesar da evidencia de que as escolas oficiais do pensamento económico non foran quen de prever a existencia daquela grave recesión). Unha das expresións máis utilizadas foi a do “test de estrés”: denominación usada para describir a capacidade teórica de resposta das entidades financeiras ante a evolución máis negativa posíbel do escenario económico xeral.
Se tomamos prestada esa metodoloxía para o panorama que está a orixinar o coronavirus, podemos abrir un catálogo moi amplo de interrogantes. Para comezar no propio campo sanitario: que capacidade ten o sistema público para atender un problema desta dimensión, despois da erosión padecida polas políticas de redución de gasto tanto no relativo ao volume de persoal como no que se refire ao equipamento das distintas unidades? E moi conectado con isto, atopariamos outro motivo de preocupación nos importantes déficits rexistrados no universo da investigación científica, convertida nun dos parentes pobres dos orzamentos das administracións públicas.
As institucións políticas -galegas, estatais, europeas- tamén están sometidas a esta singular proba. Aínda que haberá que esperar ao remate da crise para tirar conclusións máis precisas, hai algo que xa pode ser subliñado: a actuación dos órganos dirixentes da actual UE foi moi pouco congruente co papel que esperaban moitos homes e mulleres do continente. Este comportamento deficiente pode comprometer o propio futuro do club europeo: se ante unha situación extraordinaria non existe unha resposta da mesma natureza, amplos sectores sociais poden cuestionar a utilidade do aparello institucional vixente e buscar refuxio noutras entidades máis próximas (estatais ou subestatais).
A experiencia que estamos a vivir demostra a importancia do público e do papel regulador que deben desempeñar as administracións. Van admitir esta lección os fundamentalistas do mercado como vector prioritario da orde económica e social? Vanse crear, no tecido social, os anticorpos necesarios para non permitir a repetición das lesivas políticas de austeridade practicadas dende fai máis dunha década nos países centrais do capitalismo mundial?
Mentres agardamos as respostas a estas -e outras- transcendentais preguntas, recoñezamos, fronte ás distintas modalidades de determinismo, que a historia non está escrita para sempre.