A Xunta utiliza a La Voz de Galicia, ABC e a CRTVG para tentar manipular á opinión pública

"Consultas algún tema importante coa Xunta para que dea a súa versión e dinche que agardes, e pouco despois a información aparece ou en La Voz ou no ABC". É o resume que fan varios xornalistas de como está manexando a Xunta esta crise. PSOE, Galicia en Común, BNG e En Marea publicaron un comunicado conxunto denunciando a manipulación informativa dos medios públicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un dos grandes principios de propaganda de Joseph Goebbels, un dos grandes teóricos do nazismo era o principio da silenciación. Unha táctica que consiste en calar sobre as cuestións que son complicadas ou poñen en apuros a unha institución ou estrutura de poder e disimular as noticias que favorecen ao contrincante. E, como propuña este nazi facelo?, pois contraprogramando coa axuda de medios de comunicacións afins.

'Feijóo alimenta a máquina de Santiago Rey'. Gonzalo Vilas fixo esta ilustración para a reportaxe do Novas da Galiza e o GC sobre as axudas aos medios.
'Feijóo alimenta a máquina de Santiago Rey'. Gonzalo Vilas fixo esta ilustración para a reportaxe do Novas da Galiza e o GC sobre as axudas aos medios.

Esa mesma teoría é a que está pondo en práctica a Xunta de Galicia nesta crise. E, para iso, estase valendo de varios medios, sobre todo dos grandes medios tradicionais, aínda que tres deles son os que acaparan as grandes estratexias do goberno de Alberto Núñez Feijóo e da súa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra; La Voz de Galicia, ABC e a TVG e RG.

E é, sobre todo, La Voz de Galicia, o medio preferido pola Xunta para trasladar as súas mensaxes aos galegos. A súa intención é dobre: en Galicia as cousas que fai Feijóo estanse facendo medianamente ben, e en Madrid, cun goberno de cuasi "extrema esquerda" estanse facendo moi mal. Unha teoría que comparte tamén o ABC.

Por iso, non é de extrañar ver estes días informacións que destacan o traballo do Goberno galego en prol de mitigar os efectos da pandemia. A tal punto chega esta estratexia que mesmo provocan que reportaxes ou entrevistas que xornalistas doutros medios piden ou consultan coa Xunta para contratastar, acaban sendo publicadas por estes dous medios, antes que as poidan publicar estes xornalistas.

De feito, profesionais da información de varios medios consultados por GC, aseguran que o Goberno galego mesmo ordenou a paralización ou aprazou varias informacións en medios relativas a algunhas medidas ou investigacións que dependen dalgúns departamentos da Xunta para que saian antes en La Voz ou no ABC.

DATOS DE AFECTADOS E VÍTIMAS

O mesmo acontece con número de afectados ou mortos. "Como é posible que saian publicado antes en La Voz que no resto de medios?", pregúntase un veterano profesional da comunicación. Semella que a Xunta para ter o beneplácito do medio coruñés que preside Santiago Rey Fernández-Latorre, decide adiantarlle sempre noticias importantes. Aconteceu xa o inicio desta crise, cando antes de que Feijóo anunciara no Consello da Xunta o Estado de Alarma Sanitaria, La Voz, abría a súa edición dixital anunciando que a Xunta ía pechar as escolas e residencias, algo que provocou a queixa de xornalistas a Mar Sánchez Sierra e ao propio Feijóo ao rematar a rolda de prensa.

Outros profesionais tamén denuncian que a Xunta paraliza reportaxes de institucións, organismos ou cargos que teñan que ver co Goberno galego na súa loita contra a pandemia para que saian publicadas antes en La Voz ou no ABC. "Consultas algún tema importante coa Xunta. Dinche que agardes e pouco despois a información aparece ou en La Voz ou no ABC", indican. Unha tipo de censura previa que está provocando que os profesionais eviten buscar a confirmación oficial da Xunta porque saben que as exclusivas que están traballando acaben antes sendo publicadas polos dous medios oficiais da Xunta.

AXUDAS

Curiosamente, La Voz de Galicia é o principal medio subvencionado pola Xunta. Segundo a información recollida por Galicia Confidencial nos últimos anos a través dos convenios asinados e axudas directas asinados por distintos departamenmtos do Goberno galego, este medio coruñés podería percibir anualmente millóns de euros repartidos en axudas á La Voz de Galicia (edición en papel e dixital), Radio Voz, Corporación La Voz de Galicia e Voz audiovisual (empresa orientada a ficións televisivas). Tamén ABC recibe importantes axudas do Executivo de Feijóo en forma de campañas publicitarias das distintas consellerías.

TVG E RG

Mención aparte merecen os medios públicos, tanto a TVG como a RG. Medios que dependen, directamente, de cargos que foron impostos polo PP. Un control que se agravou durante o último mes, con informacións afíns ao Goberno de Feijóo e críticas do Goberno Sánchez.

Tal e a situación informativa do ente público que os catro partidos do Parlamento galego, PSdeG, Galicia en Común, BNG e En Marea decidiron sacar un comunicado público, denunciando a manipulación informativa. "Resulta incomprensible que ante unha crise sanitaria sen precedentes que se ten cobrado a vida de máis de 10.000 persoas, a televisión pública que os galegos e as galegas sufragan con 100 millóns de euros cada ano furte información sobre as propostas das formacións políticas para combater a pandemia, tanto no aspecto sanitario como económico", denunciaron.

Así, criticaron que, mentres no Parlamento as forzas políticas debatían medidas para afrontar a crise, a TVG emitía un programa de cociña explicando a elaboración dunha receita culinaria, anuncios da teletenda e o resto da programación ordinaria. "É intolerable que, mesmo no medio dunha pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do Partido Popular", suliñaron.

Por iso, lembraron que o dereito á información é un dereito fundamental que debe ser garantido en calquera situación e contexto, pero aínda máis en momentos de excepcionalidade. "A decisión de censurar o debate parlamentario supón de facto unha vulneración dese dereito, porque impide o dereito das galegas e galegos a coñecer, contrastar e reflexionar sobre a acción política do goberno da Xunta en relación á crise polo COVID-19 e, tamén, negar o acceso ás opinións, posicións e propostas dos distintos grupos parlamentarios", concluíron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

1 José

Mui ben GC. O que relatades é o própio do PP, lévanno no ADN. Infiltrarse no mundo pepeiro é descubrir a realidade da súa Galicia. A lei da selva, o darwinismo social, o auto-ódio, o clientelismo e o caciquismo, a corrupción, o servilismo con España e Madrid, o medre de parásitos, o autosilenciamento como bó gatuñador/a, a mentira e a manipulación, a droja, o sexo e o rocanrol, sempre que non se note na misa do domingo... Pero hai outra Galicia, sí.. A que lle mostra os dentes aos poderosos, a que axuda e é solidária, a que escoita, cala e actúa, a que sabe agardar, a que non se da por derrotada. A que sabe que detrás virán máis. A que entende o sacrifício porque traballa arreo. Ay de vós, parásitos do PP, cando esperte esa Galicia...

1 Amancio

Ou sexa, que non hai Galicia. Só dúas camarillas partidistas coas súas filias e fobias na loita pola administración autonómica. Non sei que mal vos fixemos os galegos para vos ter que aturar. Nen dereita españolizante, nen esquerda socializante.