A Xunta suspendeu o megaconcurso do transporte que prevía sacar por vía de urxencia durante o confinamento

Un ex asesor do conselleiro Valeriano Martínez denunciara as irregularidades dun proceso, que se fai sen ter en conta o grave impacto do COVID-19, e que poderían rematar co peche das pequenas empresas en favor dos grandes emporios de transporte.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta suspendeu a última hora a aprobación do concurso das 29 concesións de Transporte Integrado que tiña pendente por licitar nos últimos meses,e que se unen ao transporte escolar e o colectivo. Un concurso que chegou a mesa do Consello da Xunta celebrado este xoves, en pleno estado de confinamento, e que se ía facer pola vía de urxencia cuns novos pregos que poderían ser a fin das pequenas empresas de transporte en favor das grandes compañías como Arriva e Monbús, Alsa (que ademais dos interrexionais xa conseguíu o transporte urbano de Ferrol), Avanza ou ata Subús. Finalmente, a Xunta decidiu non darlle vía libre tras as numerosas críticas.

O 6 de maio era o último día para presentar ofertas e, se non hai máis denuncias como a que presentou a Federación de Transporte de Galicia ante o TSXG (que non provocou cambios significativos nos pliegos), a resoluición poderá saberse no verán.

Unha das cousas que máis se critica desta licitación é querer sacar os pregos en pleno estado de alarma por trámite de “urxencia”. Así o valora o consultor Juanjo Ruiz, que vén enviarlle unha carta ao presidente da Xunta criticando a apertura destas licitacións. Este analista é un bo coñecedor do sector do transporte, e mesmo foi asesor de Valeriano Martínez cando o propio Feijoo foi conselleiro de Política Territorial e o Director Xeral de Transportes ata o ano 2005.

Autobús de Monbús
Autobús de Monbús | Fonte: wikimedia

"OLIGOPOLIO DOS GRANDES"

Para Ruíz, a gran consecuencia destas licitacións é o “oligopolio dos grandes”. “O resultado final vai ser o das ambulancias, despois do o concurso de hai 5-6 anos. A Xunta sacou concursos a prezos baixos, as empresas grandes baixaron aínda máis os prezos para conseguir os concursos, e pasados dous anos, deixaron os concursos, provocaron unha folga completa, e obrigaron á Xunta a sacar un novo concurso, xa sen competencia local, pois as empresas pequenas caeran polo camiño, e con moitos mellores prezos”, explica.

O favorecemento do oligopolio pode ser, para Ruíz, “unha das tres posibles interpretacións da actitude irresponsabél da Administración galega. A segunda pode deberse á “unha simple vinganza da Conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez, contra os pequenos transportistas de Lugo e Ourense, que hai 4 anos lle fixeron un prante, abandonando as concesión. E a última sería que, obxectiva e deliberadamente, a Xunta considere que o mellor para Galicia é ter 4 operadores e non 150. A miña interpretación é que esta tolería responde a soberbia e ignorancia da Conselleira”, denuncia con rotundidade.

A Xunta está quitando concursos tecnicamente mal feitos e economicamente mal valorados, por trámite de urxencia cando non hai ningunha urxencia”, denuncia Ruíz nunha carta publicada no xornal QPC.

"RUÍNA"

”É inxusto que a redacción dos plegos leven á ruina aos licitadores que gañen os concursos en condicións económicas insostibles para os pequenos empresarios, que non teñen a capacidade financieira para aguantar o tirón á espera de que a Xunta lles compense posteriormente, o cal é imposible por ilegal, xa que modificaría substancialmente as condicións do contrato e forzaría á Xunta a unha actuación ilegal. A única saída que tería a Xunta sería quitar de novo as licitacións a concurso e, daquela, xa só estarían os grandes grupos, que teñen capacidade financiera suficiente, como pasou cós desafortunados pregos das ambulancias. O resultado sería a desaparición das pequenas e medianas empresas galegas pola vía dos feitos”, explica Ruíz.

Outro dos puntos que critica Ruíz é a que a valoración económica realízase en función dunha estimación de viaxeiros que se basea nos mesmos valores que na época 2010-2020, “cando todo o mundo é consciente de que a baixada de mobilidade vai ser brutal, pola caída grave de actividade tanto laboral como de ocio. Durante a crise de 2008, tardou 7 anos en recuperar os datos de consumo privado, pero a curva de recuperación do transporte colectivo é moito máis lenta, aínda en 2018 non se recuperara”, explica.

IMPACTO DO COVID-19

A todo isto, mentres non cambie a lei, un autobús de 55 prazas só pode levar 18 persoas, unha realidade que non se ten en conta no proceso. Esta valoración económica á alza vese ademais multiplicada pola letra pequena da integración do transporte escolar e colectivo. Unha proposta que supón un importante aforro para a Xunta (valorado por Ruiz en ata 40 millóns), pero que provoca un maremoto nas empresas pequenas.

Antes, a Xunta pagaba o custe completo de cada autobús escolar, fora cal fora o custe. Agora, con estes novos pregos, as concesións baixan aproximadamente un 50%, pois a Xunta vai deixar de pagar integramente a amortización e os custes de persoal no autocar que fai ese servizo, a pagar só ás 4 horas de servizo realizado. O resto da xornada laboral, a empresa terá que buscarse a vida facendo transporte discrecional (clubs deportivos, excursións…), ademais de cubrir a liña de transporte regular asociada á liña escolar. “Que clase de excursión vai facer un empresario de Laxe, nas horas libres que lle quedan a un autobús entre deixar e recoller ao alumnado? Tería que ir a Santiago ou Coruña para buscar traballo, pero iso é absolutamente imposible de aplicar”, denuncia Ruíz.

RECORTES PARA OS ESCOLARES

Unha integración avalada polas ANPAS, a pesar de que supón ungran recorte para os escolares, que non poderán facer uso dos autobuses habituais para excursións, por exemplo, e terán que contratar novos autocares, provocando un gasto moito maior para as familias. É dicir, ata agora unha excursión do cole a un museo ou a unha praia, podía custar 2-3€ a cada familia, porque o centro podía usar o autobús que fai a súa liña escolar. Agora, ese bus ten que estar cubrindo unha liña de transporte “colectivo”, polo que o centro terá que contratar outro autocar, un gasto que con probabilidade acabará repercutindo nas familias, que pasarán a pagar 10€, por exemplo por cada excursión.

”Quen perden son os nenos”, recoñecen dende o sector, que se ben entenden que había que reestruturar o servizo de transporte colectivo de Galicia, non era necesario destrozar algo que estaba funcionando, como é o transporte educativo, que non tivo unha soa queixa en décadas. Unha realidade que tamén hai que poñer en contexto, tendo en conta que Galicia é a comunidade que máis gasta en transporte escolar, en termos absolutos e relativos.

Nova do medio colaborador QPC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta