Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 13:08
A CIG-Saúde reclama a "publicación inmediata" das listas de contratación do persoal facultativo e a convocatoria da Mesa Sectorial para abordar, entre outras cuestións, as necesidades das unidades de hospitalización, UCI e Atención Primaria en relación á COVID-19.
Ademais, reivindica, a través dun comunicado de prensa, o cambio "necesario" na política laboral "que termine coas condicións de precariedade nas que se realizan os contratos e poder dar estabilidade aos equipos de traballo".
"Unha demanda que reviste maior urxencia tras o anuncio da Consellería de Sanidade de prorrogar por un ano os contratos MIR e EIR como reforzo, o que implicará que o Sergas non publique as listas de selección temporal e, por tanto, que non se oferten os contratos de médicos de hospital aos traballadores inscritos nestas listas e que levan anos sufrindo unha total precariedade laboral", advirte.
"A CIG-Saúde leva tempo denunciando que a prórroga que se lle fixo ao persoal MIR e EIR non estaba a ser utilizada no sentido que recollen as ordes do Ministerio de Sanidade, como persoal de reforzo, senón para cubrir ausencias de médicos, enfermaría, matronas, etc., que deben ser cubertas a través das listas de contratación", subliña.
ACORDO
En sentido, esta central sindical aclara que non está en contra da contratación, senón que o que reclama é que "se faga cumprindo o acordo de selección temporal e tendo en conta ao persoal que xa está nas listas de contratación". Así o destacou a responsable de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que explicou que os chamamentos a través destas listas "ofrecen transparencia na contratación".
Esta central sindical reitera que a decisión de prorrogar os contratos MIR e EIR suporá que o persoal das listas "non poida traballar" porque esa "contratación vai pasar por encima de todo o persoal inscrito nas actuais listas de contratacións".
Por todo iso, CIG-Saúde demanda unha reunión monográfica da Mesa Sectorial para abordar as necesidades de persoal no Sergas, "cunha referencia concreta á cobertura das unidades de hospitalización, UCI e Atención Primaria en relación á COVID-19". "E para que se negocien unhas condicións laborais dignas para todo o persoal", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.