Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2020 | Actualizada ás 16:23
A plataforma Queremos Galego reivindicou este Día das Letras Galegas que a lingua propia "estea en todo e para todo", na ofrenda floral que realizaron en Santiago en honra ao autor Ricardo Carvalho Calero. "Precisamos o galego para desenvolvernos como pobo e que Galicia sexa un país desenvolvido a nivel económico, social e cultural", destacou este domingo o portavoz desta plataforma cidadá, Marcos Maceira, en declaracións a Europa Press.
Ante a imposibilidade de organizar unha manifestación para destacar a importancia do idioma no país, Queremos Galego celebrou un "acto que se fixo dentro do que se podía facer", debido ás limitacións que supón o estado de alarma provocado pola pandemia de coronavirus.
A pesar de todo, Maceira destacou a importancia de homenaxear ao autor este 17 de maio: "Queriamos lembralo porque contribuíu" a todos os ámbitos nos que a lingua galega carecía de espazo durante o século XX. "Realmente foi unha persoa moi relevante para que hoxe exista un movemento a favor da lingua" e por este motivo, a plataforma cidadá quixo "recoñecer a súa figura", explicou o seu portavoz.
A conmemoración non só se limitou ao acto floral que contou coa presenza de distintas personalidades, senón que tamén tivo unha forte repercusión nas redes sociais a través do hashtag #queremosgalego e #precisamosogalego. De feito, Maceira subliñou que o primeiro "foi tendencia entre as 12,00 e as 13,00 horas", ao mesmo tempo que se celebraba a ofrenda floral.
Para a plataforma "cumpriuse o obxectivo" co que encararon este Día das Letras Galegas. Deixaron claro que o que pretenden é "vivir en galego, que o galego estea en todo e para todo" e que "a historia se pode rectificar" revertendo a "presenza marxinal" do galego na educación, ha ejemplificado.
A LINGUA COMO "SÍNTOMA DE RIQUEZA E ORGULLO"
Á ofrenda floral asistiron personalidades e colectivos de diferentes ámbitos, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, representantes da CIG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e A Mesa pola Normalización Lingüística.
No marco deste día, a líder nacionalista destacou a valía de "ter unha lingua propia", que é "síntoma de riqueza e orgullo", aínda que "agora mesmo estea en situación de emerxencia e corra risco de futuro". Non esquece que "isto non é froito da casualidade", senón das "políticas deliberadas en contra do galego" que "se produciron nesta década de gobernos de Feijóo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.