Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/05/2020 | Actualizada ás 11:15
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convocou este luns Consello da Xunta extraordinario e, posteriormente, comparecerá publicamente, probablemente para anunciar eleccións para o 12 de xullo. Segue así os pasos de Íñigo Urkullu que este luns tamén convocaba aos medios para anunciar a cita electoral.
As últimas eleccións en Galicia e País Vasco sempre coincidiron, incluída a data do 5 de abril, citas coas urnas que tiveron que ser aprazadas pola pandemia. Ambas as convocatorias de Feijóo e Urkullu coñecéronse esta mañá. Todo fai prever que os dous anunciarán eleccións autonómicas para o 12 de xullo.
Os dous presidentes escoitaron aos partidos políticos, requisito ao que ambos os dous se comprometeran nos decretos do pasado 17 de de marzo polo que deixaban sen efecto os comicios do 5 de abril pola pandemia do coronavirus. Con todo, o apoio é diferente.
No caso de Galicia, as principais forzas da oposición, PSdeG, Galicia en Común e BNG opóñense aos comicios. Só algúns deputados do Grupo Mixto, ademais do PP, apoian unhas eleccións en xullo. No caso do País Vasco só EH Bildu e Elkarrekin Podemos se opuxeron a celebralos en xullo, xa que o resto condicionaba o seu desenvolvemento a que se fixese "con garantías sanitarias e democráticas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.