Os intereses europeos na guerra en Libia

Segunda achega sobre os intereses dos países europeos no conflito libio na que analizamos polo miúdo as estratexias de España, Italia, Reino Unido, Francia e Rusia para obter beneficios comerciais, políticos e xeoestratéxicos. Documentos orixinais no interior da axencia Stratfor.

Por Alberto Quian | Madrid | 14/01/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Tras publicar os correos electrónicos que intercambiaron o analista xeopolítico de Stratfor Marko Papic e o diplomático español Camilo Villarino —conselleiro para Asuntos Transatlánticos e de Seguridade e Defensa na Embaixada de España en Washington— sobre os intereses españois na guerra en Libia, e logo de aproximarnos aos proveitos do conflito para España, Italia, Reino Unido, Francia e Alemaña, imos ver agora polo miúdo, país por país, cales foron os intereses que motivaron a súa participación na guerra en Libia, segundo o informe de Stratfor publicado en marzo de 2011.

Silvio Berlusconi e Muamar Gadhafi, no ano 2009
Silvio Berlusconi e Muamar Gadhafi, no ano 2009 | Fonte: daveeza en Flickr.com

España

Para os analistas de Stratfor, logo da retirada das tropas de Iraq ordenada por Zapatero nada máis chegar ao poder no ano 2004, a decisión de intervir en Libia respondeu non só a "unha forma de revitalizar a imaxe de España como un país capaz ter unha presenza activa internacional cando sexa necesario, especialmente no Mediterráneo, a súa área de interés nacional", senón tamén a "un esforzo de última hora por elevar o perfil dun impopular goberno antes das eleccións a principios de 2012".

Os analistas de Stratfor falan dun país tradicionalmente "aillado política e xeograficamente" do núcleo de Europa e pouco preocupado polos "beneficios en seguridade que dá ser membro da OTAN".

No informe se destaca que as maiores preocupacións internacionais de España están relacionadas coa "súa proximidade co Norte de África e os conseguintes efectos negativos da delincuencia organizada e o contrabando". Ademais, apúntase que "as garantías de seguridade da OTAN non se aplican aos enclaves españois de Ceuta e Melilla" e consideran que "se podería argumentar que a pertenza á OTAN de España sen dúbida sería unha razón psicolóxica para que Marrocos reconsidere os seus plans de apoderarse dos dous territorios".

Informe da axencia de intelixencia Stratfor sobre os intereses europeos na guerra en Libia
Informe da axencia de intelixencia Stratfor sobre os intereses europeos na guerra en Libia

Os expertos de Stratfor observan que a intervención de España na guerra en Libia pretendía "ilustrar a súa solidariedade cos Estados Unidos e as outras potencias europeas". E para Rodríguez Zapatero, en particular, "era unha forma de ilustrar que Madrid non ten medo da acción militar internacional" e de demostrar que, "malia a crise económica considerábel e os temores de que España podería ser a próxima economía da eurozona, despois de Portugal, que tería que ser rescatada", España aínda podía "desempeñar un papel importante na política internacional".

Pero non conviña facer moito ruído para non axitar aos sectores máis esquerdistas do socialismo español, tradicionalmente opostos a calquera intervención militar. Así, Stratfor explica como o Goberno socialista estaba tratando de elevar o perfil internacional de España do xeito máis silencioso posíbel, "sen moita xactancia na casa para evitar unha maior erosión do apoio das súas bases", dise no documento. 

Ademais dos intereses políticos, existían tamén intereses estratéxicos e comerciais en Libia, se ben "non tan grandes como os de Italia", aclara o informe.

Stratfor sinala como exemplo a enerxética española Repsol, que extraía en Libia un 8,3 por cento da súa produción global no ano 2009. Para os analistas, "non se trata dunha cantidade insignificante e é comparábel ao 10,7 por cento que o xigante enerxético italiano ENI extraía neste país".

As importacións españolas de petróleo de Libia era comparábeis ás de Francia, representando o 9 por cento do consumo total do país, pero estaban lonxe do 25 por cento do total de petróleo que consume Italia.

O informe tamén destaca que se ben a empresa francesa Total extraía máis petróleo de Libia que Repsol, como empresa máis grande que a española, o ouro negro de Libia representaba unha menor proporción do total da compañía francesa. "Neste sentido, Repsol non estaba necesariamente instisfeita co status quo de Gadafi en Libia" e Stratfor vía "probábel" que a compañía "mirase con receo os movementos franceses e británicos".

Por último, a axencia estadounidense apunta que España tiña que "ter en conta o que significa a inestabilidade de Libia na rexión", con Marrocos tan próximo ao contaxio das revolucións populares.

"Madrid non pode opoñerse á intervención internacional en Libia, xa que non quere sentar un precedente que pode supoñer un revés en breve. Un cambio de réxime en Marrocos, por exemplo, podería colocar os enclaves norteafricanos de Madrid nunha situación insostíbel, ou podería producir un éxodo de migrantes que España tería que contrarrestar coa intervención agresiva da forza naval, do mesmo xeito que Italia ameaza con comezar a facelo cos inmigrantes chegados de Tunes e Libia. Dito isto, Marrocos non se achega ao punto de inestabilidade libio ou mesmo aos disturbios de Tunes e Exipto", arguméntase.

O informe sentencia que o interés de España en participar no conflito respondeu á necesidade de "ter voz e voto na resolución posterior á intervención" e non deixar que Francia e Reino Unido tomasen vantaxe comercial "usando o seu apoio aos rebeldes libios para mellorar as súas posicións", coméntase no documento, no que se insiste na idea de que o Goberno español "non se fiaba" das estratexias francesa e británica, o que levou a España a posicionarse xunto a Alemaña e Italia a prol da opción do exilio de Gadafi para facilitar a fin da intervención.

Francia

Francia xa tiña en Trípoli a un exportador importante de enerxía e a un gran cliente de armas. Mais segundo Stratfor, a intervención de Francia tamén tivo que ver coas políticas intra-europeas.

O país galo foi o defensor más vociferante da intervención en Libia e da lexitimidade dos rebeldes de Benghazi. Para os analistas, os intereses franceses nesta guerra dividíanse basicamente en dúas categorías: a política nacional e as relacións intra-europeas.

Por un lado, o goberno de Sarkozy evitara nun primeiro momento o recoñecemento dos movementos pro-democráticos que se estaban dando nos países árabes e mesmo chegara a ofrecer axuda ao Goberno tunesino para facer fronte aos manifestantes. Ademais, Francia tiña unha bomba de reloxería no seu propio territorio, cunha masiva poboación musulmana asentada no país. Para Stratfor, a reacción anti-Gadafi de Francia foi "máis ca unha excesiva compensación" polo posicionamento inicial do goberno de Sarkozy a prol dos rexímenes instaurados no Norte de África. Había en xogo, segundo os expertos, algo máis que a imaxe do país galo. A Sarkozy preocupábanlle moito as eleccións presidenciais de 2012 e o papel de Francia como potencia militar europea, co que podería contrarrestar ante a opinión pública francesa o omnímodo poder que vén gañando Alemaña coa crise da débeda soberana na zona euro.

"A intervención en Libia é un xeito de reafirmar ante Europa, pero sobre todo ante Alemaña, que Francia segue á cabeza do continente en asuntos exteriores e militares. É unha mensaxe que di que se Europa quere ser tomada en serio como unha potencia mundial, necesitará o poder militar francés", argúen os informantes de Stratfor, que apuntan ademais á alianza militar nuclear entre París e Londres, formalizada o 2 de novembro de 2010, para "contrarrestar o esmagador poder económico e político de Alemaña na Unión Europea".

O informe tamén sinala as potenciais melloras comerciais para Francia coa guerra en Libia. "A principal compañía francesa de enerxía solar, Total SA, está implicada en Libia, pero non na mesma medida que a italiana ENI ou a alemá Wintershall. Tendo en conta as abondantes reservas enerxéticas de Libia, e en gran parte inexploradas, as empresas francesas de enerxía poderían sacar proveito da axuda aos rebeldes para que tomen o poder en Trípoli", advertíase no documento.

Ademais, Francia viña facendo grandes negocios con Libia coa venda de armamento. Entre o ano 2004 —cando a Unión Europea levantou o embargo de armas ao país norteafricano— e 2011, Trípoli comprou armas a Francia por uns 500 millóns de dólares, máis que a calqueroutro país de Europa. Porén, o Goberno italiano estaba en negociacións para vender ao Goberno de Gadafi armamento por máis de mil millóns de dólares, relegando a Francia no papel de principal subministrador armamentístico de Libia.

Reino Unido

Para o Reino Unido, Libia ofrecía unha "promesa de explotación enerxética" e o derrocamento de Muamar Gadafi faría posíbel desenvolver fortes relacións comerciais que antes non existían, clarifican os expertos de Stratfor.

No caso británico, a principal motivación para intervir en Libia foron os intereses enerxéticos. O xigante enerxético BP non tiña produción en Libia, anque asinara en 2007 un acordo con Trípoli para perforar pozos en terra e alta mar a cambio de mil millóns de dólares. Estas negociacións só chegaron a bo porto cando o Goberno escocés decidiu liberar ao terrorista de Lockerbie Abdel Baset al-Megrahi por "razóns humanitarias", en agosto de 2009, recordan os analistas. "Agardábase que morrese de cancro de próstata aos poucos meses de ser liberado, pero se supón que segue vivo en Trípoli", especúlabase con razón no informe, pois Al-Megrahi finou o 20 de maio de 2012 na capital de Libia a causa dun cancro.

O informe lembra que o Goberno laborista foi daquela obxecto de fortes críticas pola liberación de Al-Megrahi. "Os medios británicos especularon, non de todo inxustamente, con que a decisión representou un esforzo para poñer en marcha a produción de BP en Libia e suavizar así as relacións entre Londres e Trípoli. BP anunciou en 2009 que tiña previsto investir 20.000 millóns de dólares na produción de petróleo de Libia nos próximos vinte anos", aclárase no documento.

Ademais, a catástrofe ecolóxica provocada por BP no Golfo de México o 20 de abril de 2010 urxiu a BP e o Goberno británico a acelerar a súa estratexia para Libia. "O desastre de BP causoulle 17,7 mil millóns de dólares en perdas en 2010 e a compañía tivo que crear un fondo de compensación de 20 mil millóns máis. As estimacións dos custos potenciais adicionais do derrame oscilan entre os 38.000 e os 60.000 millóns de dólares, creando un futuro incerto para BP en Estados Unidos. O desastre tamén permitiu que os competidores de BP se queixasen das súas posíbeis operacións en alta mar nun futuro, algo que o ministro de Asuntos Exteriores italiano, Franco Frattini, salientou argumentando que até que se completase a investigación sobre o desastre do pozo Macondo, BP debería absterse de perforacións en Libia mar adentro, no Mediterráneo. A queixa era moi probábelmente un intento por parte de ENI de complicar as operacións de BP en Libia, cuestionando o seu historial ambiental en América do Norte", relátase no informe da axencia estadounidense.

Así as cousas, Stratfor considerou que "Londres podería obter o máximo proveito coa destitución de Gadafi ou gañándose a lealdade dun goberno controlado polos rebeldes nunha especie de semi-Estado independente no Este de Libia. Sen produción de petróleo en Libia e a diminución da venda de armas dos franceses e italianos nunha cantidade considerábel, o Reino Unido podería beneficiarse substancialmente dun novo liderazgo en Trípoli ou mesmo en Benghazi", conclúe o documento.

Italia

Os custos dunha guerra contra Gadafi non ían ser os mesmos para todos os países europeos participantes. Especialmente importantes ían ser para Italia, que, segundo Stratfor, tiña máis que perder se Gadafi conservase o poder".  E este erá "o maior problema para a unidade europea", destaca Stratfor.

O caso italiano é singular. Como se recorda no informe de Stratfor, os avións das forzas armadas daquel país interviron en Libia sen executar un só disparo. Isto "non foi casual", segundo os analistas, xa que "foi parte da estratexia de prevención de Roma" como tradicional aliado de Gadafi.

Segundo as fontes italianas de Stratfor, este país era o que "máis tiña que perder" entre os aliados europeos, xa que "os seus intereses comerciais, enerxéticos e de seguridade nacional" serían "directamente impactados polo destino de Libia". Por esta razón, nos primeiros momentos Italia posicionouse do lado de Gadafi, expresando a súa preocupación pola autoproclamación do Emirato Islámico de Benghazi o 21 de febreiro de 2011, facéndose eco dunha declaración do fillo de Gadafi, Seif al-Islam.

Mais ao final Italia non puido máis que sumarse á coalición occidental como membro da OTAN e da UE, prestando sete bases aéreas e avións para a intervención militar. Con todo, "Italia abstívose de xogar un papel agresivo contra Gadafi" seguindo unha "estratexia destinada a permitirlle manter un equilibrio cos rebeldes do Este e con Gadafi no Oeste do país. Roma simplemente ten demasiados intereses en Libia como para decantarse por un lado e aferrarse a ese", argumentáse no documento de Stratfor.

Ademais, Italia temía que no momento no que Estados Unidos deixase vía libre a Francia e Reino Unido á fronte da operación militar, "os seus intereses enerxéticos e de seguridade nacional poderían quedar a mercé dos países que procuraban tomar a dianteira nunha Libia post-Gadafi", prosegue o informe. No documento saliéntase a desconfianza de Roma respecto as intencións de París e Londres de expandir os seus intereses enerxéticos e de negocios, grazas ao agradecemento que agardaban dos rebeldes unha vez consumado o cambio de réxime en Libia, ou polo menos na parte oriental do país. Como ben lembran os analistas de Stratfor, os propios líderes rebeldes insistiron en que os vínculos económicos serían calibrados de novo para "reflexar o apoio que os distintos países europeos ofreceron ao levantamento".

A tradicional alianza de Italia e Libia vén de lonxe. Stratfor lembra, por exemplo, que a enerxética ENI comezou a operar nom país africano en 1959 e que nunca saíu deste, nin sequera cando o resto de Occidente rexeitou, cando menos en apariencia, a Gadafi na década de 1980 debido a súa asociación co terrorismo. "Este compromiso con Libia permitiulle a Roma un negocio enerxético moi lucrativo e contratos de armas, unha vez que Gadafi renunciou ao terrorismo en 2003. Libia representaba no ano 2009 arredor do 15 por cento do total da produción de hidrocarburos de ENI, a produción de 108.000 barrís de petróleo por día e a produción de 8,1 millóns de metros cúbicos de gas natural, enumérase no documento da axencia de intelixencia, no que se sinalan os riscos que corría Italia de aumentar a súa dependencia do gas natural ruso no caso de que a crise libia se prolongase no tempo.

Ademais, Italia foi un dos principais provedores de armas de Gadafi dende que se levantara o embargo a Libia en 2004, "un paso para o que presionou fortemente Italia", dise no informe, no que se salienta que Italia tiña asinados contratos co país africano dende 2004 de preto de 500 millóns de dólares, unha cantidade algo inferior ao valor das entregas militares francesas. E estaba en proceso de negociación duns 1,05 mil millóns de dólares en contratos militares antes de que comezasen os disturbios en Libia. Os acordos incluían un gran sistema de control e seguridade fronteirizo contratado ao grupo industrial Finmeccanica por 300 millóns de dólares e a construción de buques por valor de 600 millóns encargados a Intermarine Spa.

Stratfor tamén destaca que "o fluxo de capital e investimentos non era unilateral", xa que "o fondo soberano de Libia investiu en empresas financeiras e industriais italianas". Segundo os datos aportados pola axencia, "o Fondo soberano de investimento de Libia posuía arredor do 1 por cento de ENI e manifestara a súa intención de aumentar a súa participación até o 10 por cento; o 7,2 por cento de UniCredit, o maior banco de Italia, e o 2 por cento do fabricante de armas Finmeccanica". 

Por último, Libia tamén plantexaba unha cuestión de seguridade nacional para Italia polo gran número de emigrantes ilegais chegados dende o país norteafricano. Un problema para Italia que ambos os dous países tentaron resolver mediante a sinatura dun tratado de amizade polo que Libia detería o fluxo de emigrantes a cambio de investimentos no país.

Alemaña

A decisión do Goberno alemán de non intervir en Libia "non foi meramente un esforzo para compracer as sensibilidades históricas do país xermano" e máis antes dunhas eleccións tan importantes como as que se ían celebrar no Estado de Baden-Württenberg. Para os analistas de Stratfor existían outros dous factores estratéxicos: en primeiro lugar, o feito de que "Reino Unido, Francia e Italia tiñan intereses enerxéticos en Libia e querían máis, o cal non quere dicir que Alemaña non os tivese, xa que a compañía enerxética Wintershall estaba especialmente implicada, pero eses intereses non eran tan críticos para o país"; en segundo lugar, o feito de que os franceses consideran o Mediterráneo a súa área de influencia e xa mantiveran importantes desacordos con Alemaña sobre a Unión para o Mediterráneo.

Para Stratfor, o fondo da non intervención alemá é o seguinte: "A disposición de enfrentarse a todos os seus aliados atlánticos debido á política interna e a falla de interese nacional representa unha forma de autoafirmación: Alemaña está amosando a súa vontade de poñer a súa política interna por enriba dos seus compromisos cos seus aliados".

Os analistas de Stratfor consideran que, do mesmo xeito que fixo en Afganistán, "Berlín podería ter optado por enviar unha forza simbólica dun puñado de combatentes para facer cumprir a zona de exclusión aérea, ao igual que Noruega, Dinamarca, Bélxica ou Holanda". Pero os expertos sospeitaron que "Berlín decidiu opoñerse a Francia e minar calquera das motivacións principais de París para a intervención, é dicir, para demostrar que Europa sen unha Francia militarizada está á altura da condición de gran potencia". 

Rusia

Para Stratfor, "a abstención de Rusia foi un movemento calculado deseñado para facilitar a intervención en Libia". Como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, o veto de Rusia tería torpedeado a intervención, pero segundo os analistas, Rusia tiña "intereses en que Occidente, e en particular Estados Unidos, participasen nun novo conflito en Medio Oriente".

Os motivos son obvios: as inestabilidades na zona fan aumentar o prezo dos barrís de petróleo e beneficia as exportacións do ouro negro ruso. E en particular, a guerra en Libia beneficiaba as exportacións a Europa do petróleo e do gas natural de Rusia, que podería gañar mercados como o italiano, máis dependente dos recursos enerxéticos libios.

Os especialistas de Stratfor observan tamén un especial interese de Rusia en manter a Estados Unidos ocupado en conflitos en Oriente Medio para que non desvíe a súa atención e maquinaria económica cara a zona de influencia de Rusia: Europa Central e Oriental, Asia Central e o Cáucaso.

E en terceiro lugar, a situación en Libia daba aos dirixentes rusos "outra oportunidade para criticar publicamente a Estados Unidos", xa que "cando Putin fixo as declaracións comparando a intervención en Libia cunha cruzada, fíxoo nunha  fábrica de mísiles balísticos o mesmo día en que o secretario de Defensa de Estados Unidos, Robert Gates, estaba en San Petersburgo reunido co presidente Dmitri Medvedev para falar da defensa antimísiles". Para os analistas xeopolíticos, "a elección das palabras de Putin e o lugar nas que as dixo foron simbólicos, levando a mensaxe de que Estados Unidos ten obxectivos expansionistas e militaristas contra Rusia, obxectivos polos que Rusia xustifica a adopción de medidas en contra".

"A intervención en Libia ofrece a Moscova unha nova oportunidade para criticar a Estados Unidos como unha potencia agresiva e dálle outra vía a través da cal expresar o seu desacordo permanente con Washington", conclúe o informe da axencia de intelixencia.

Países máis dependentes do petróleo libio

grafica GC

Mapa coas principais compañías enerxéticas estranxeiras en Libia

grafica GC

Intereses enerxéticos e armamentísticos de España, Francia, Reino Unido, Italia e Alemaña

grafica GC

Descarga os correos electrónicos entre o diplomático español Camilo Villarino e Marko Papic, analista de Stratfor.

Descarga o informe de Stratfor 'Special Series: Europe’s Libya Intervention'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta