Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/06/2020 | Actualizada ás 20:35
O DOGA publicaba este venres, 4 de xuño, a autorización das matanzas de rulas dentro dun espazo natural protexido, malia estar sufrindo un franco declive. Unha situación que se produce cando aínda segue aberto o expediente sancionador da Comisión Europea por non conservala debidamente. Oito entidades ecoloxistas e preto de 50.000 cidadáns teñen demandado que se prohiba definitivamente a súa caza en Galicia.
Nesta orde do Doga vólvese a autorizar a caza da rula na media veda no espazo natural protexido de A Limia, desatendendo así as numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a caza desta ave ameazada e se declare como especie protexida.
Tras coñecer as intencións da Xunta na reunión do Comité Galego de Caza do 15 de abril, oito entidades se teñen dirixido por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural con estas demandas, solicitando tamén que se elimine definitivamente a media veda en A Limia. Ademais de Ecoloxistas en Acción, remitiron escritos a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), o Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (GEAS), o Grupo Naturalista Hábitat, Quercus Sonora, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e Verdegaia.
O "INDIGNANTE" CASO DA ZEPA DA LIMIA
Así, o goberno galego permitirá cazar a rula en 9 concellos da Limia entre o 15 de agosto e o 6 de setembro, período chamado media veda, malia terse observado nesta zona un declive continuo das poboacións. Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60% inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves.
A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves. "Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 téñense matado nela 3.870 rulas (tórtola europea en castelán), deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear e, consecuentemente, vulnerando a citada directiva e a Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y la Biodiversidad", apuntan un comunicado conxunto de organizacions ecoloxistas.
"Ademais de permitir a caza da rula, tamén autoriza a do paspallás (codorniz en castelán) neste espazo natural protexido, cando se ten constatado que no período da media veda aínda está criando os polos das postas tardías", engade nun comunicado. Nos últimos 6 anos téñense matado 50.172 paspallás na ZEPA da Limia.
QUE FIXO A XUNTA?
Os ecoloxistas denuncian que, para dar aparencia de que tomou medidas de protección para a rula, a Xunta prohibe a súa caza en toda Galicia (excepto na media veda da Limia). "Pero o certo é que para cando se abra en outubro a tempada de caza menor, as nosas rulas xa terán migrado a África", din ao tempo que indica que esta prohibición non ten ningún efecto "máis que o de simular que limitan severamente a súa caza".
No caso da media veda da Limia, a Xunta reduce o número de xornadas en que esta especie será cazable. "Pero esta medida tampouco significa unha diminución do número de rulas que van ser cazadas, pois a Xunta non ten medios para impedir que os cazadores se limiten a matar unicamente as outras dúas especies autorizadas (pombo e paspallás) no resto das xornadas da media veda", apuntan os ecoloxistas.
Con esta orde de vedas, a Xunta "afastouse" da tendencia establecida por outras comunidades autónomas de impedir totalmente a captura da rula. Na actualidade xa a prohiben Asturias, Cantabria, Canarias, País Vasco e Comunidade Valenciana.
Os ecoloxistas cren que a Dirección Xeral do Patrimonio Natural "quere ocultar" que ou ben non se fixeron os estudos específicos preceptivos antes de autorizar a caza neste espazo natural protexido, ou ben que estes informes precisamente desaconsellaban a súa caza.
EXPEDIENTE ABERTO
Ecoloxistas en Acción acaba de dirixirse hoxe mesmo ó Comisario Europeo de Medio Ambiente, D. Virginijus Sinkevičius, para informarlle desta actuación do goberno galego, de maneira que poida recoller a falta de protección da rula en Galicia no expediente sancionador que están tramitando.
O proceso por infracción iniciado pola Comisión Europea o 25 de xullo do 2019 contra o Estado español, a causa de non tomar medidas de conservación que freen o declive das rulas, segue en marcha. De feito, España alberga máis da metade da poboación reprodutora europea polo que é o país clave na conservación desta ave, que está a sufrir en toda Europa un forte declive.
Na plataforma Change.org está aberta unha campaña espontánea de recollida de sinaturas en favor da prohibición da caza da rula. No momento de redactar estas liñas teñen asinado máis de 48.390 persoas.
Enlace á campaña en Change.org: https://www.change.org/p/xunta-de-galicia-queremos-que-vuelvan-las-rulas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.