Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2020 | Actualizada ás 18:02
O novo Consello Cidadán Estatal (CCE) de Podemos aprobou este sábado a conformación do novo Consello de Coordinación Estatal -o órgano que se encarga de dirixir o día a día do partido-, que estará composto por 20 persoas, ademais do secretario xeral, Pablo Iglesias, e que son practicamente os mesmos dirixentes que xa conformaban o seu anterior equipo, coa ministra de Igualdade, Irene Montero, manténdose como 'número dous', co cargo agora de secretaria de Acción de Goberno.
Hai lugar para cinco galegos. Na Executiva estará a exdeputada por Pontevedra Ángela Rodríguez 'Pam', agora asesora no Ministerio de Igualdade, e tamén o exJemad Julio Rodríguez, de orixe ourensá, que se encargará da Secretaría de Paz e Seguridade.
Ademais, no órgano de nova creación, máis amplo e que se reunirá cada mes ou mes e medio, estarán o deputado no Congreso e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Xunta, Antón Gómez-Reino, responsable de Industria e América Latina; así como o exsenador José García Buitrón, responsable de Innovación Tecnolóxica; e a ourensá Sabela Rodríguez, responsable de mocidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.