O cambio climático pode retardar un 75% o crecemento de bosques mediterráneos

Así o sinala unha investigación realizada en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/06/2020 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), participou nun estudo internacional liderado pola Universidade de Lleida (UdL) cuxos resultados revelan que o cambio climático pode retardar ata un 75% o crecemento dos bosques costeiros de piñeiro carrasco do Mediterráneo desde agora ata finais do século.

O estudo, publicado na revista New Phytologist, contou coa colaboración do Centro de Investigación Forestal e de distintas universidades e institutos de investigación de Suíza, Italia, Marrocos, Israel e Estados Unidos.

Nel, analizouse a información derivada de 14 ensaios xenéticos de piñeiro carrasco emprazados en toda a conca do Mediterráneo para caracterizar os patróns de adaptación da especie asociados a diferenzas climáticas. A partir de modelos de resposta ao clima (precipitación e temperatura), e integrando a diferenciación xenética existente entre poboacións, proxectáronse os crecementos futuros da especie (2071-2100) en relación a dous escenarios de emisións de gases de efecto invernadoiro, moderado e severo.

Os resultados revelan que os bosques da especie que actualmente se atopan sometidos a condicións máis favorables, é dicir, máis húmidas, se atopan á súa vez máis expostos á "acción adversa do quecemento global" que os emprazados en ambientes máis áridos. Estes bosques, que corresponden a áreas costeiras de España, Francia, Grecia e o Magreb, "poden chegar a experimentar descensos no seu crecemento actual de ata o 75% a finais do século XXI", segundo as conclusións dela investigación.

Pola contra, os bosques de zonas máis áridas e continentais "soportarían mellor os efectos das elevadas temperaturas futuras e cambios no réxime de choivas". "Os datos poden axudar a definir estratexias de utilización do material xenético do piñeiro carrasco en actividades de repoboación, restauración ecolóxica e migración asistida, e así reforzar as posibilidades de supervivencia da especie fronte aos efectos do cambio climático", destaca Jordi Voltas, investigador principal do estudo.

Vista aérea dun dos ensaios do estudo. CSIC
Vista aérea dun dos ensaios do estudo. CSIC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta