Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 14:31
A pasada semana constituíuse como empresa Libera Bio, unha "spin-off" da Universidade de Santiago de Compostela dedicada ao desenvolvemento de novos medicamentos biolóxicos anticanceríxenos baseados en nanotecnoloxía.
O obxectivo da compañía, xurdida no laboratorio de investigación da profesora María José Alonso, é botar man das oportunidades da nanotecnoloxía para loitar contra cancros "agresivos" alí onde a farmacoloxía non pode chegar.
Segundo explican dende a Universidade, este proxecto "disruptivo" válese dun vehículo "de tamaño nanométrico" que leva moléculas de anticorpo ata os tumores por vía intravenosa. O sistema está especialmente deseñado para abordar variantes desta enfermidade moi extendidas no mundo, como é o cancro de páncreas e o carcinoma de pulmón.
Nestes momentos a empresa está a optimizar o prototipo final, facendo probas de concepto e planificando os estudos que lles permitan avanzar da preclínica á clínica. Paralelamente, están a colaborar con empresas farmacéuticas interesadas na tecnoloxía para aplicala ás súas propias moléculas terapéuticas.
A USC participa na iniciativa xunto con María José Alonso, unha das socias fundadoras, Olivier Jarry, asesor de negocio, e Desirée Teijeiro, responsable de valorización de I+D.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.